Santiago de Compostela é a cidade elixida para a celebración do duodécimo pleno do Consello de Comunidades Galegas, que se converterá na capital da Galicia exterior en decembro

A anterior convocatoria tivo lugar na Habana en maio de 2016.

O evento reunirá as e os representantes das máis dun cento de entidades galegas que hai espalladas polo mundo durante os días 3 e 4.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asegurou sentirse “orgulloso de que a capital galega exerza de anfitrioa de todos os galegos do mundo” nun ano tan importante para toda a emigración.

Imaxe de arquivo do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado na Habana
Imaxe de arquivo do XI Pleno do Consello de Comunidades Galegas, celebrado na Habana
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2019.

Santiago de Compostela converterase o vindeiro mes de decembro na capital da Galicia exterior grazas á celebración do pleno do Consello de Comunidades Galegas. A cidade acollerá durante os días 3 e 4 do citado mes a reunión que cada tres anos congrega as e os representantes das máis dun cento de entidades galegas que existen espalladas polo mundo. Así o anuncia hoxe o Diario Oficial de Galicia (DOG), que fai pública a súa convocatoria e revela así a localidade elixida para esta cita, que se celebra cada tres anos desde hai máis de tres décadas.

A anterior convocatoria tivo lugar na Habana en maio de 2016, e a previa, celebrada no ano 2012, tivo novamente a capital galega como sede oficial das reunións de traballo. Outros destinos que serviron de escenario para a xuntanza das e dos representantes da Galicia exterior foron Bos Aires, Montevideo, Ourense e Lugo.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, amosouse “orgulloso de que a capital galega exerza de anfitrioa de todos os galegos do mundo nun ano tan especial como o actual, no que o pobo galego quixo render unha sentida e sincera homenaxe a toda a emigración a través da concesión da Medalla do Parlamento”.

541 lecturas