A mexicana Laura Gárdos roda unha película sobre o retorno a Galicia dun fillo de emigrantes

As primeiras escenas de «Anos despois» foron proxectadas no Festival de Cine Internacional de Ourense.

Listen to this page using ReadSpeaker
18 de outubro de 2010.

A directora mexicana Laura Gárdos acaba de presentar o avance dunha película que trata do retorno dun fillo de emigrantes a Galicia en busca do seu avó. Anos despois é unha coprodución entre México e Galicia que se rodou a comezos de ano en México, Ourense, Cartelle e Celanova. A estrea está programada para o primeiro semestre do 2011.

Un tráiler coas primeiras imaxes da fita foi presentado no Festival de Cine Internacional de Ourense celebrado en principios deste mes. A produción conta coa participación de actores como Angélica María, Celso Bugallo, Ernesto Chao ou María Bouzas.

A historia trata dun fillo de emigrantes galegos en México que retorna ás súas orixes ao decatarse de que o seu avó, a quen daba por morto hai anos, segue vivo en Galicia.

Segundo o coprodutor de Anos despois, Antón Reixa, o proxecto abre camiño para novos traballos en conxunto co país latinoamericano por tratarse da primeira película realizada coa colaboración México-Galicia. «Este proxecto é unha suma de talentos que vai dar como resultado unha gran película», afirmou Reixa.

2343 lecturas