Santa Fe recupera unha institución histórica: o Centro Gallego

Descendentes de persoas asociadas e dirixentes da institución, autoconvocáronse para reabrir a entidade.

O proceso contou co apoio do Goberno da Cidade, que formalizou coa firma dun convenio no outubro pasado.

Imaxe da entrada as instalacións da entidade galega na capital santafesina. Foto: www.sinmordaza.com.
Imaxe da entrada as instalacións da entidade galega na capital santafesina. Foto: www.sinmordaza.com.
Listen to this page using ReadSpeaker
Santa Fe, 19 de xaneiro de 2013.

Faustino Pereira Domínguez, presidente do Centro Gallego de Santa Fe, abre o vello portón de ferro do edificio, situado en barrio Juan B. Alberdi. Sostén nas súas mans o puñado de chaves que permiten acceder ás instalacións, co entusiasmo de quen coñece dende as súas orixes o proceso de reapertura da entidade, tras dous anos de inactividade.

A medida que avanza sobre o sendeiro de acceso, resúltalle inevitable aludir aos danos que causaron as últimas tormentas de decembro na parede da fronte e na vexetación do parque que rodea o edificio principal. Pero non se detén nesa dificultade, e de inmediato relata as xestións ante o Municipio, e os proxectos da Comisión Directiva para reconstruír tamén esa parte do predio.

Pouco a pouco, comezan a chegar as veciñas que participan das clases de ximnasia organizadas pola Dirección de Deportes e Recreación do Goberno da Cidade. A súa presenza dá vida a un proceso que se iniciou coa normalización no plano institucional e os traballos para recuperar o edificio.

En todo o mundo
Os centros galegos foron institucións emerxentes nos países que a finais do Século XIX e comezos do XX, recibiron ás e aos inmigrantes procedentes da rexión Noroeste de España. As entidades xurdiron con fins solidarios, culturais e recreativos, para manter vivas as tradicións e identidade cultural dos galegos e das galegas.

A cidade de Santa Fe non estivo allea a ese proceso, e en 1919 viu nacer o Centro Gallego en barrio Candioti Sur. Anos máis tarde, o esforzo das e dos asociados fixo posible a construción do edificio actual, en Avenida Galicia 1357.O esplendor cultural da institución chegou da man das "Reunións Danzantes", que convocaban cada domingo a unhas 5 mil persoas santafesinas, e ás e aos máximos expoñentes da música popular. Co tempo, a institución transcendeu a súa influencia sobre a colectividade galega, e consolidouse como referente social e cultural dos barrios Alberdi, Villa María Selva, Guadalupe Oeste, Sargento Cabral, e Vila Setúbal.

Normalización institucional
A sede do Centro Gallego permaneceu pechada durante dous anos, ata que o 24 de marzo de 2012 un grupo de descendentes e persoas nativas, se reuniron para iniciar o proceso de normalización da entidade e proxectar a recuperación do edificio.

Nese sentido, o presidente da Comisión Directiva do Centro Gallego, Faustino Pereira Domínguez sinalou que "nos decatamos a través da radio que os veciños se queixaban do estado do edificio, entón membros da colectividade galega, nativos, fillos e netos de galegos, empezámonos a mobilizar a comezos de 2012".

"A partir de entón empezou o contacto coa Municipalidade, que nos axudou permanentemente, coa poda das árbores e mantemento en xeral, e que rematou coa firma dun convenio no marco do festexo do 93º Aniversario do Centro Gallego, coa presenza do intendente José Corral," relatou o titular da entidade.

Pola súa banda, o coordinador do Distrito Leste, Marcelo Ponce, considerou que "a institución atravesou dalgún xeito o mesmo proceso que moitas institucións e clubs de barrio, cuxas comisións foron envellecendo e ao non se renovar, deberon pechar,". E recordou que "cando vimos o estado en que se encontraba o edificio e falamos con veciños do barrio, notamos que compartiamos o interese en que se recuperase a institución. Propuxémonos entón que se lograse a súa reapertura, tendo en conta a súa historia, a situación e o espazo físico con que conta,".

E agregou que "dende o Distrito iniciamos entón un contacto cos fillos de antigos membros da institución e socios do Centro, que se autoconvocaron en marzo, e renovaron finalmente a Comisión Directiva,".

Nesa liña, Faustino Pereira Domínguez agregou que "a Municipalidade colabora para poñer en valor o edificio porque falta moito nese sentido; e por outro lado, nós facemos a nosa parte dende o institucional para lograr a subsistencia da personería xurídica, o levantamento do CUIT, a certificación de balances, e todas as formalidades que calquera institución ten" que "cumprir". Así, no mes de xuño conformouse a nova Comisión Directiva, integrada por 17 persoas, das cales sete son nativas.

A xeito de balance do proceso, o coordinador do Distrito Leste, Marcelo Ponce considerou que "o Centro Gallego é unha institución moi importante para esa colectividade, que traballou moito no barrio; e para toda a cidade porque alí ían moitos veciños. Por iso era fundamental recuperala e achegar actividades".

Convenio
En agosto de 2012, o Goberno da Cidade elixiu ao Centro Gallego como espazo privilexiado para a conmemoración do falecemento do General San Martín, a través da proposta recreativa denominada "Galicia de festa". A iniciativa devolveu á institución o seu rol protagónico no barrio, con actividades para toda a familia que permitiron gozar do espazo público. Dous meses máis tarde, no marco dos festexos polo 93º Aniversario da organización, o Municipio e o Centro Gallego formalizaron un convenio no que se comprometeron a "destinar os seus máximos esforzos institucionais co obxecto de desenvolver un traballo conxunto e coordinado para o fomento e o desenvolvemento do deporte, a cultura, as artes e a recreación".

Dese xeito, acordouse que o Goberno da Cidade pode facer uso das instalacións para a realización de actividades deportivas, culturais, recreativas, artísticas e educativas, tales como mostras, talleres, exposicións, eventos e cursos, que serán gratuítos e destinados a toda a comunidade. Por outra parte, asume o compromiso de realizar obras de mantemento no predio situado no Distrito Este.

No marco dese convenio, a Dirección de Deportes e Recreación incorporou o Centro Gallego como espazo para clases de ximnasia para damas, os  luns, mércores e venres de 18,30 a 19,30 h.; e os martes e xoves de 9,30 a 10,30 h.; fútbol os luns, mércores e venres de 18,30 a 19,30 h.; recreación para nenos e nenas de 10 a 11,30 h.; hóckey os días martes e xoves, de 18 a 19,30 h., e clases de tango, que se dita os xoves de 19 a 21,00 h.
A iniciativa achega ao proceso de recuperación un compoñente fundamental, que é a participación das e dos veciños na vida institucional. Nese sentido, o presidente do Centro Gallego, comentou que "na clase de ximnasia que se dan pola tarde, participan unhas cen mulleres".

Recuperación edilicia
O Centro Gallego conta cun ximnasio e un amplo salón equipado para eventos, biblioteca, oficinas, sanitarios, quincho, e unha ampla zona parquizada que circunda o edificio central. Para a reapertura do predio, o Municipio colaborou coa realización de traballos básicos de mantemento, desmalezamiento, limpeza e iluminación.

Nese sentido, Faustino Pereira Domínguez sinalou que "ata agora o único apoio que tivemos é o da Municipalidade de Santa Fe, en poda, limpeza, reparación dalgúns vidros e chapas. Ademais organizaron actividades deportivas e recreativas, e asignaron unha persoa para mantemento". E adiantou que "o convenio que asinamos en outubro prevé traballos de mantemento, así que temos listadas varias cousas para reparar os danos no edificio, pintar; e nós tamén imos poñer a nosa parte, porque a axuda de Galicia, que noutro momento era moi importante está moi limitada agora. De todas as maneiras, cando festexamos os 93 anos estivo o delegado da Xunta de Galicia na Cidade Autónoma de Bos Aires, e prometeunos axuda".

Entre as materias pendentes, o presidente da Comisión Directiva; e o responsable de prensa da entidade, Tomás Rodríguez, coinciden en sinalar como prioritarias a renovación dos sanitarios, e a reparación dos danos ocasionados polas tormentas rexistradas a fins de decembro.

En canto á biblioteca, conta cuns 2 mil exemplares que abordan temáticas referidas ás diferentes comunidades españolas, obras de literatura clásica e historia, atlas, e dicionarios. As bibliotecarias Ianca Diéguez, e Teresa Suárez foron as encargadas de inventariar os documentos institucionais, materiais de prensa, libros e folletos; e poñelos en condicións para a súa consulta, habilitada para persoas asociadas e público en xeral os días xoves de 16 a 18,00 horas.

Vale recordar que a biblioteca foi inaugurada o 5 de outubro de 1969, no marco do cincuentenario da institución, e que recibiu a denominación "Miguel de Cervantes Saavedra" durante a xestión de Faustino Pereira, pai do actual presidente da entidade. A mediados de decembro de 2012, produciuse a reapertura da biblioteca co nome de "Eulogio Pérez", en honor a quen fora socio destacado do Centro Gallego, durante as décadas de 1940 e 1950.

O diálogo coas persoas membro da Comisión Directiva revela o seu entusiasmo e os números proxectos que ansían concretar. Entre eles, mencionan a apertura de talleres culturais, de danza, idioma, e patín; e a realización de celebracións típicas; que noutro tempo, fixeron do Centro Gallego unha institución destacada do Norte da cidade.

"Coa axuda da Municipalidade, a achega prometida pola Xunta de Galicia, o noso traballo, as festas, e a colaboración dos veciños; esperamos que o centenario do Centro Galego, nos atope coa institución en todo o seu esplendor", concluíu Faustino Pereira Domínguez.

 

Fonte: www.sinmordaza.com

1353 lecturas