Rueda anima á colectividade e ao empresariado galego no exterior a sumar sinerxías para seguir construíndo unha comunidade próspera e unida pola marca Galicia

Na súa primeira viaxe a América do Sur como titular do Goberno galego, Alfonso Rueda quere estreitar lazos coa comunidade galega na Arxentina e no Uruguai, así como manter encontros cos e coas representantes das empresas galegas que operan neses países, especialmente coas do sector pesqueiro.

Subliña que as galegas e galegos que emigraron e as e os seus descendentes “seguen sendo parte fundamental na vida de Galicia”, de aí que o seu benestar sexa unha prioridade máis do Goberno galego.

A Xunta porá a disposición da emigración os programas dirixidos a facilitar o retorno e a mellorar a formación das e dos fillos e netos da emigración.

O presidente da Xunta inicia unha viaxe de cinco días na Arxentina e no Uruguai para reencontrarse coa galeguidade ao outro lado do Atlántico
O presidente da Xunta inicia unha viaxe de cinco días na Arxentina e no Uruguai para reencontrarse coa galeguidade ao outro lado do Atlántico
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 12 de outubro de 2022.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, animou á colectividade e ao empresariado galego no exterior a sumar sinerxías para seguir construíndo unha comunidade próspera e unida pola marca Galicia. O titular do Goberno galego parte con esta premisa cara a súa primeira viaxe a América do Sur desde que tomou posesión do cargo, un percorrido de cinco días na Arxentina e no Uruguai para reencontrarse coa galeguidade ao outro lado do Atlántico.

Alfonso Rueda inicia mañá o periplo polas terras nas que se asentou a emigración galega coa intención de estreitar lazos coa comunidade na Arxentina e no Uruguai, así como manter encontros cos e coas representantes das empresas galegas que operan neses países, especialmente as do sector pesqueiro, e reeditar o compromiso rotundo da Xunta coa colectividade e coas necesidades dos galegos e galegas no exterior. Botando man do pasado común, o presidente do Goberno galego anima a mirar cara o futuro e aproveitar os lazos entre ambas beiras do Atlántico a través das oportunidades de inversión e de retorno que ten en marcha o Goberno autonómico.

O mandatario galego subliña que as galegas e galegos que emigraron e as e os seus descendentes “seguen sendo parte fundamental na vida de Galicia”, de aí que o seu benestar sexa unha prioridade máis do Goberno galego.

No seu encontro coa comunidade galega no exterior, o presidente da Xunta pretende reiterar unha vez máis o agradecemento de Galicia polo labor que no seu beneficio fixo a comunidade na diáspora, pero tamén mirar cara o futuro e aproveitar as oportunidades de investimento e de retorno que puxo en marcha o Goberno galego, como unha débeda máis que Galicia ten con eles e elas e cos seus e as súas descendentes.

Nos vindeiros cinco días, o presidente da Xunta reunirase coas entidades galegas de Bos Aires e Montevideo para trasladarlles o agarimo e a admiración de Galicia, e para coñecer, de primeira man, “a pegada” que están a deixar nun e noutro lado do Atlántico.

Na súa axenda figuran xuntanzas con asociacións que levan décadas traballando polo benestar das e dos españois, en xeral, e dos galegos e galegas en particular, como o Club Español; ou que prestan un inestimable labor social, como a entidade sen ánimo de lucro Ospaña. Alfonso Rueda tamén se reunirá con dirixentes da Arxentina e do Uruguai e manterá distintos encontros diplomáticos con autoridades de ambos os dous países.

O presidente galego incidirá na data simbólica do Xacobeo como senda que guiará os seus pasos, xa que, ao seu entender, os galegos e galegas foron quen, perante séculos, de ensanchar o seu territorio e desvanecer as súas fronteiras en beneficio da colectividade; primeiro cara Europa, co Camiño de Santiago, e logo cara América, como exemplo de “universalidade e concordia”.

241 lecturas