Román Rodriguez participa na VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas dedicada nesta edición a Francisco Luís Bernárdez

O conselleiro gabou a figura do escritor ao que se referiu como “un intelectual que amaba por igual Arxentina e Galicia”

  • VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas dedicada nesta edición a Francisco Luís Bernárdez
    VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas dedicada nesta edición a Francisco Luís Bernárdez
  • VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas adicada nesta edición a Francisco Luís Bernárdez
    VI Festa da Palabra da Insua dos Poetas adicada nesta edición a Francisco Luís Bernárdez
Listen to this page using ReadSpeaker
Esgueva (Carballiño), 18 de xullo de 2015.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu hoxe á VII edición da Festa da Palabra da Insua dos Poetas que en palabras do titular de cultura “é hoxe máis que nunca punto de encontro entre Arxentina e Galicia, ponte de unión entre escritores que, a dez mil quilómetros de distancia, comparten un sentimento común”, xa que este ano está dedicada a Francisco Luís Bernárdez; poeta nado en Bos Aires e galego de sentimento e que pertenceu a xeración literaria de 1922.

 

Rodríguez gabou a figura do escritor ao que se referiu como “un intelectual que amaba por igual a Arxentina e a Galicia, un poeta que comezou escribindo en lingua galega e que nos legou unha obra que honra as letras hispánicas”.

 

Neste acto tamén se fixeron entrega dos galardóns Ínsua dos Poetas que este ano recaeron en Manuel Rivas (Letras), Francisco Lores Mascato (Cultura Galega na Emigración), Grupo Ecoloxista Outeiro (Arte e Medio Ambiente), Grupo Gadisa (Compromiso Económico e Social) e Faro de Vigo (Comunicación e Difusión Cultural).

 

Xunto ao conselleiro, tamén acudiron ao acto os secretarios xerais de Cultura e Política Lingüística, Anxo Lorenzo e Valentín García; o presidenta da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero; o presidente da Fundación da Insua dos Poetas, Luís González Tosar; o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; e o presidente da Academia Arxentina de Letras, José Luís Moure.

 

Cómpre salientar que o premio Ínsua dos Poetas na súa modalidade de Cultura Galega na Emigración recaeu en Francisco Lores Mascato, a quen fixo entrega do galardón o secretario xeral de Emigración, Antonio Rodríguez Miranda.

 

Lores Mascato é presidente da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina, á que pertence o Museo da Emigración Galega que funciona en Bos Aires, e cuxo obxectivo é “adquirir, protexer, conservar, investigar, comunicar e exhibir o patrimonio material e inmaterial do colectivo galego vinculado á emigración, ao exilio e a súa contorna, co propósito do estudo, educación e deleite do público”.

 

Precisamente, as fórmulas para a conservación do importante acervo cultural vinculado á diáspora e a súa transmisión ás xeracións vindeiras foi o eixo da conversa que a pasada semana mantiveron Lores Mascato, Rodríguez Miranda e o propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, na audiencia que este concedeu ao agora galardoado.

 

Francisco Luís Bernárdez

Nado en Arxentina e de pais galegos, Francisco Luís Bernárdez, non tardou en volver á terra de seus proxenitores onde sería redactor de El Pueblo Gallego. En canto a súa obra poética cabe destacar títulos como “Poemas Elementales” e “Poemas de Carne y Hueso” grazas os cales acadou o Premio Nacional de Poesía de Argentina no ano 1944.

En imaxes
1643 lecturas