A revista «Galegos» publica un suplemento especial sobre Rosalía de Castro na celebración dos 125 anos do seu pasamento.

A publicación, distribuída nos centros galegos de todo o mundo, conta coa participación de expertos que disertan sobre a vida e a obra da fundadora da literatura galega contemporánea.

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de xullo de 2010.

A poetisa Rosalía de Castro, a personalidade galega máis coñecida fóra de Galicia, é o tema dun especial que publicou a revista Galegos. A homenaxe ten como motivo o 125 aniversario da morte da escritora e conta coa participación de especialistas que disertan sobre a vida e a obra da fundadora da literatura galega contemporánea.

Un dos colaboradores na publicación, Francisco Rodríguez, o autor dunha tese doutoral sobre Rosalía, fala sobre tres elementos básicos da súa personalidade: o afán patriótico, o desasosego relixioso anti-dogmático e a paixón amorosa desbordante. Na súa participación no volume, Piar García Negro sitúa a obra da poetisa como a inauguradora do ensaio como xénero literario e reveladora da cuestión de xénero. Tamén fan a súa achega neste encarte Kathleen March, responsable da introdución no mundo académico norteamericano da obra da poetisa, e os autores da biografía de Rosalía, Andrés Pociña e Aurora López.

Galegos distribúese en Galicia e España, por medio de organismos oficiais, e tamén no ámbito internacional, a través das embaixadas e dos centros galegos de todo o mundo.

2439 lecturas