Ramirás, punto de encontro de folclore e tradicións
A gala central da undécima edición do Festival Internacional Rebulir reuniu sete agrupacións que amosaron as súas danzas e músicas de raíz.
Leilía e Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán recolleron os Premios Rebulir 2016. A Banda Municipal de Música de Ramirás, o Premio Homenaxe.
A delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiron á XI edición do Festival Internacional Rebulir
A gala central da undécima edición do Festival Internacional Rebulir reuniu sete agrupacións que amosaron as súas danzas e músicas de raíz.
A gala central da undécima edición do Festival Internacional Rebulir reuniu sete agrupacións que amosaron as súas danzas e músicas de raíz.
Entre os aplausos de máis de mil persoas amantes do folclore, discorreu na tarde de hoxe a gala central da undécima edición do Festival Internacional Rebulir (FIR), no polideportivo de O Picouto, no Concello de Ramirás, berce do certame que, un ano máis, avogou pola música de raíz, como leva facendo dende os seus inicios. O FIR está organizado pola Asociación Cultural Rebulir, o Concello de Ramirás e a Deputación de Ourense, co apoio da Xunta de Galicia por medio da Secretaría Xeral de Cultura e a Secretaría Xeral da Emigración
Dende as 19,00 horas, o recinto converteuse nun cómputo de música, danza, cultura, costumes, recoñecementos e sorpresas que non deixaron indiferente a ningún das e dos presentes, entre eles a bancada dos invitados e invitadas: a delegada da Xunta de Galicia en Ourense, Marisol Díaz; o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda; o vicepresidente da Deputación, Rosendo Fernández; o xefe territorial de Política Social, José Selas; e o alcalde de Ramirás, Carlos Rodríguez; ademais de deputados do Parlamento Galego e das Cortes Xerais, alcaldes de concellos da comarca e outras autoridades e persoeiros.
O actor ourensán Diego Freire foi o encargado de conducir a gala, que encomezou coa chamada ao escenario dunha representación dos sete grupos participantes: o colectivo local, Rebulir; e as agrupacións A.F.M. Villa y Condau de Noreña (Asturias), G.F. Casa do Povo de Cacia (Portugal), Coros y Danzas El Miajón (Extremadura), G.F. Mar de Arousa (Vilagarcía de Arousa), Lous Crabots de Semisens (Francia) e Batuko Tabanka (Cabo Verde). Logo de amosarse orgullosas e orgullosos coas súas bandeiras e traxes máis tradicionais, recibiron un agasallo pola súa participación no certame.
Antes das súas actuacións, foi tempo de recoñecer a Leilía e a Marcos Pereiro e Xosé A. Touriñán cos Premios Rebulir 2016, “por traballar en prol da cultura galega e ter esa capacidade de facer humor na nosa lingua, respectivamente”, explicou o director artístico do Festival, Alexandre Sotelino. As e os galardoados amosáronse “profundamente agradecidos” e, como mostra dilo, quixeron agradecer o recoñecemento con pequenas, pero moi emocionantes, intervencións: as primeiras amosando as súas fermosas voces e dotes para a música e os segundos dando ese toque de humor que os caracteriza. Asemade, a Banda Municipal de Música de Ramirás recolleu na presente edición do Festival o Premio Homenaxe “dada a nosa amizade, o traballo conxunto e a súa traxectoria”, explicou Sotelino. Tampouco quedou sen o seu agasallo o músico Héctor Braga, o músico asturiano co arquivo máis grande de música tradicional da súa terra. Precisamente, foi el o encargado de dar o pistoletazo de saída desta undécima edición o pasado xoves, cun concerto que marabillou aos veciños de Ramirás. Feito que se repetiu esta mesma tarde, coa súa actuación conxunta co grupo representante da provincia veciña.
Logo dos recoñecementos, chegou o tempo de converter o polideportivo nun magnífico escaparate de música e tradición, da man das agrupacións convidadas. Unha hora e media chea de ritmo, cor e tradición que fixeron deste acto o prato principal do menú do Festival. A sobremesa chegou finalizada a gala, cunha Jam Session intercultural en Celanova, que serviu para despedir esta undécima edición do Festival Internacional Rebulir.
Grupo Folclórico da Casa do Povo de Cacia (Portugal)
O Grupo Folclórico de Cacia foi fundado en 1978 en Cacia (Aveiro-Portugal), coa intención de facer revivir e preservar as Tradicións Culturais de toda a Rexión do Baixo Vouga e Zona Vareira. É membro da Federación do Folclore Portugués. Ten participado en Festivais de Folclore de Norte a Sur de Portugal de carácter nacional e internacional, e no estranxeiro xa ten actuado en Francia e España. Así mesmo, organiza múltiples actividades entre as que están o Festival Infantil e de Adultos.
Programa de Danzas
- Entrada: Rusga
- Ó Aveiro ó Aveiro
- Catrapuzana
- Saída com Moda a Dois Passos
Grupo Batuko Tabanka (Cabo Verde)
Batuko Tabanka nace en Burela para manter e poñer en valor a música e o baile tradicional de Cabo Verde. Neste colectivo tocan o batuko, que é un pano pregado colocado entre as pernas, ademais de bailar. No seu percorrido levan actuado en importantes escenarios en solitario e acompañando a outras e outros artistas. Participando en diferentes festivais, actos e mesmo programas de televisión. Tamén levan gravado o disco 'Dujnta mô‘. Esta obra conta coa colaboración de importantes artistas do país como Mercedes Peón, Uxía, Rodrigo Romaní, Xosé Liz, exercendo Segundo Grandío como arranxista das pezas.
Programa de Danzas
- Tabanka Batuko
- Home de Mundo Enteiro
- O Mai Tem Dor
- Amizade
Mar de Arousa (Vilagarcía De Arousa)
A outra representación galega que hai neste festival chega desde a veciña provincia de Pontevedra. A Asociación Cultural Mar de Arousa nace como tal, en xuño de 2005 en Bamio (Vilagarcía de Arousa). Fórmase con 23 rapaces da Parroquia de San Xinés e doutras parroquias veciñas marcándose por obxectivo a difusión do folclore dos diversos puntos de Galicia. Nestes últimos anos o grupo leva medrado acadando os 50 compoñentes, e gañando actuacións por toda Galicia e xiras por Portugal, Badaxoz, Cantabria… Son tamén destacables as súas participacións en diferentes concursos , festivais solidarios… e no programa Luar da TVG.
Programa de Danzas
- Xota e Moliñeira de Vallo (Navia de Suarna)
- Canto e Muiñeira de Anxeriz (Tordoia)
- Xota e Muiñeira de Arcos (Mazaricos)
Héctor Braga e Banda de Gaitas de Noreña (Asturias)
Son un grupo ben coñecido entre as e os asistentes, xa que é a cuarta ocasión que visitan o Polideportivo do Picouto, e sempre cun gran resultado artístico. A A.F.M. (Asociación Folklórico Musical) “Villa i Condau de Noreña” fundouse no ano 1995 en Noreña (Asturias) e a súa obxectivo fundamental foi rexer o funcionamento da Banda de Gaitas de Noreña. Dende entón leva participado en múltiples actuacións dentro e fóra de Asturias. O programa da escola oferta especialidades relacionadas coa música tradicional e sempre coas e cos mellores profesionais de cada rama. Ademais da súa actividade docente habitual, desde esta organizan múltiples actividades de carácter lúdico-cultural relacionadas coas tradicións asturianas. Asemade, o festival conta con Héctor Braga, cantante e músico asturiano. Intérprete de instrumentos clásicos e tradicionais como a arpa, a zanfona, a gaita ou o violín. Profesor superior de violoncello e etnomusicoloxía polos conservatorios de Oviedo e Salamanca. Conta con tres discos propios no mercado, ademais de ter colaborado en múltiples traballos como arranxista, produtor ou ben músico. Ademais de actuar por toda Asturias e España, ten dado o salto internacional chegando a: Portugal, Francia, Suíza, Reino Unido, Italia, Marrocos ou Arxentina. Algún xornal nomeouno como o Frank Sinatra Español, algo que da indicios do que pode facer nun escenario.
Programa de Danzas
- Marcha procesional del Carmen
- Romance de la niña clara
- La Fonda de Lola
- Habanera Guajira
- Himno de Asturies
Coros y Danzas El Miajón (Extremadura)
O grupo agora presentado tamén visitou o festival en anteriores ocasións, concretamente fai cinco anos, na VI edición deste evento. O grupo El Miajón foi fundado en 1981 polo actual profesor Alfredo Hernández, natural de Cuacos de Yuste (Cáceres), e actualmente está dirixido no seu grupo de baile por Mercedes Silva, natural de Badajoz. O grupo compóñeno unhas 40 persoas entre rondalla e baile. Interpreta un amplo repertorio de cancións e bailes de toda Estremadura. Composto por jotas, rondeñas, rondas, cancións de voda, fandangos etc...ademais de Villancicos Extremeños, cancións á persoa emigrante e a popular Misa Extremeña
Programa de Danzas
- Rondeña de Castilblanco
- El Perantón
- Jota de Almendralejo
- Jota Piornalega
Lous Crabots de Semisens
O Grupo “Lous Crabots de Semisens” provén de Sant Vicent de Tirosse, ao Sur de Francia. Nace no ano 1984 por iniciativa do director da escola de Sant Vicent con motivo da feira escolar. Desde ese momento levan participado en numerosos festivais por todo o mundo chegando a lugares como: España, Turquía, EE.UU., O Caribe, Xapón, Portugal, Eslovaquia, República Checa, China… entre outros; deste xeito, teñen acumulado numerosos premios e mencións. Cabe destacar que este colectivo organiza desde fai anos o prestixioso Festival Internacional de folclore “Folklores du Monde”, abalado pola IOV (International Organization of Folk Art).
Programa de Danzas
- Matelotte
- L'étoile
- À leu boueyre
- Scottish
- Le Plateau
Novas relacionadas



