R. Miranda: «Ninguén, no exterior, mantén os vínculos como os galegos»

Reproducimos teletipo da Axencia EFE, da entrevista realizada pola súa delegada en Galicia, Ana Martínez, ao secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, así como a súa difusión nalgúns dos medios onde saíu reflectida.

O secretario xeral da Emigración e a delegada da Axencia EFE en Galicia, durante a entrevista concedida por Miranda no seu despacho de Santiago de Compostela
O secretario xeral da Emigración e a delegada da Axencia EFE en Galicia, durante a entrevista concedida por Miranda no seu despacho de Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2016.

O secretario xeral da Emigración da Xunta, Antonio Rodríguez Miranda, está seguro de que en ningunha outra parte de España se produce un fenómeno que liga a Galicia e é que aquelas persoas que "saen ao exterior" seguen aguantando cunha gran forza e tesón o apego pola súa terra natal.

"Ninguén mantén os vínculos como os galegos. Non sabería dicir a razón, pero o que si podo garantir é que é unha realidade, por tanto, no futuro a Galicia exterior vai ter que seguir achegando moitísimo, e vai facelo porque ten potencialidade, está claro", garante nunha entrevista con Efe na que encomia o papel dos centros galegos, que "son auténticos faros culturais que temos no mundo", cunha enorme faceta social que non é do todo coñecida, especifica.

E insiste en que o futuro da Comunidade galega "vai ser moito máis prometedor e brillante na medida en que sexamos capaces, precisamente, de seguir mantendo o contacto e de continuar aproveitando a presenza de galegos nun mundo globalizado, desa xente que mantén unha vinculación especial, por encima de calquera outra".

"Esa Galicia moderna da que todos estamos orgullosos, e presumimos dela, en calquera país do mundo é un referente positivo e de modernidade, grazas a toda esa xente", agrega, e por iso non é baladí o feito de que nos orzamentos do seu negociado para 2017 as bolsas de excelencia para a mocidade no exterior sexan a principal novidade e absorban practicamente toda a subida da contía asignada á Secretaría.

Rodríguez Miranda profunda na idea de que das e dos 500.000 galegos do exterior, o 70% xa naceron fóra, non en Galicia, por tanto non son emigrantes galegos, e "para nós, esas segundas, terceiras xeracións, xa nadas no exterior, son un recurso moi importante, unha potencialidade que Galicia ten, moi relevante".

Con estas axudas, o que se pretende é que aquelas e aqueles que tiveron que saír recentemente de Galicia, inclusive, e esoutros e outras que xa naceron fóra e queren asentarse na Comunidade galega, pois poidan completar a súa formación a través de estudos de posgrao, coa vista posta en sectores produtivos cunha maior demanda laboral, e teñan, á parte, á súa disposición, un segundo "momento de acompañamento" no sentido de favorecer as súas prácticas ou incorporación a empresas, por conta allea ou por si mesmos "tendo axuda para esa iniciativa empresarial".

De novo neste aspecto cobra importancia o sector agrogandeiro coa idea de "dirixir poboación cara ao rural galego", algo clave desde o punto de vista da demografía e do poboacional, acentúa Miranda.

"Galicia necesita favorecer esa incorporación de familias novas e imos tirar dun recurso propio que temos no exterior", di o secretario xeral. Con iso, preténdese dar cumprimento ao esgrimido polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, no seu discurso de investidura, cando aludiu a que unha das metas fundamentais desta lexislatura será o fomento do retorno e, dentro das liñas nas que se traballa para iso, tamén está o "retorno emprendedor", que xa estivo funcionando, e ao que agora se suma a captación de "expedientes bos, brillantes, que queiran volver, establecerse, desenvolver aquí a súa vida, establecer as súas familias ou crealas".

Tamén hai outro programa, "Conecta con Galicia", co que se procura que non se perda o vínculo. Céntrase este plan nas e os adolescentes e mozos e mozas que teñen a opción de facer o Camiño e de participar en numerosas actividades, que os conectan co rural e co mar, en relación permanente con outras mozas e mozos galegos.

"Xéranse lazos, a través das redes sociais, e está igualmente o plus engadido de que o que fan, están a divulgalo. E os seus amigos de fóra de Galicia non son galegos, o groso polo menos, co que lle están falando ao mundo do que están a vivir en Galicia e iso é proxección exterior", ao que se suma o feito de que elas e eles mesmos poden decidir co tempo vivir en Galicia.

E, entre quen está fóra, a situación dos galegos e galegas residentes nalgúns países é motivo de especial atención, sobre todo Venezuela, argüe Miranda, posto que hai "un retorno maior de persoas" desde alí e, por tanto, no presente, "o país prioritario en canto a preocupación e atención é sen dúbida Venezuela", con especial fincapé nas prestacións de autoemprego e de tipo asistencial.

En referencia a esta última cuestión en xeral, mantense unha cooperación moi activa para atender situacións de necesidades, ben de forma directa, con axudas económicas individuais, ou a través de entidades ás que se lle fai unha achega, e que son "os nosos ollos e as nosas mans", conclúe.

 

A entrevista nos medios:

2736 lecturas