Un proxecto recupera a historia das escolas construídas polos emigrantes en Galicia.

Dende os países onde emigraron, os galegos da diáspora contribuíron á formación dos seus compatriotas.

Listen to this page using ReadSpeaker
22 de decembro de 2010.

O Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración desenvolveu o proxecto "As Escolas da Emigración", que recupera a historia das escolas e centros de formación construídos en Galicia a través do labor filantrópico dos emigrantes. Moitos deles eran analfabetos e por iso en América tiveron que aceptar os traballos máis penosos e peor pagados. Iso concienciounos da importancia da educación e os emigrantes envorcáronse coa formación dos seus compatriotas. Así empezou o traballo para a construción de escolas nos seus pobos de orixe.

A iniciativa ten por finalidade recuperar a historia destes centros dende un punto de vista global. Reuníronse datos dos promotores de cada un dos proxectos, sexan particulares ou colectivos, fotografías das escolas, planos, testemuños dos antigos alumnos e outros materiais.

Entre as ferramentas que se poñen a disposición dos investigadores ou persoas interesadas en coñecer a historia, patrimonio e evolución das antigas escolas está unha páxina web para acceder ás fichas dos centros catalogados. O proxecto está baixo a dirección científica de Vicente Peña Saavedra e a coordinación técnica de María Teresa García Domínguez.

2379 lecturas