A protección e modernización do sistema sanitario público mediante a austeridade e a xestión eficiente dos recursos son os principios que inspiran a estratexia Sergas 2014.

A posta en marcha e desenvolvemento do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos de Galicia, exemplifica o cumprimento dos obxectivos de xestionar mellor os nosos recursos e protexer a sostenibilidade financeira da sanidade pública de Galicia.

O aforro do Catálogo foi de 3,9 millóns de euros nos quince primeiros días de aplicación xeneralizada, é dicir, a estimación de aforro sitúase nos 8 millóns de euros mensuais.

Situar ao paciente como eixe do sistema sanitario é o obxectivo da sanidade galega.

Listen to this page using ReadSpeaker
16 de febreiro de 2011.

A xerente do Servizo Galego de Saúde, Rocío Mosquera Álvarez, explicou que a Sanidade pública galega traballa para facer realidade os compromisos adquiridos coa sociedade galega a través da Estratexia Sergas 2014, que incorpora as principais liñas de presente e futuro das mellores organizacións sanitarias de España e de Europa. Así afirmou Mosquera Álvarez no transcurso dunha conferencia da Fundación La Rosaleda, en Santiago de Compostela.

A Estratexia Sergas 2014 distribúese en torno a sete eixes e 40 liñas de actuación que transforman e modernizan a sanidade pública galega, entre os que destaca o Plan de Contención do gasto farmacéutico e de boas prácticas de uso dos medicamentos. Aquí é onde se enmarca a posta en marcha e desenvolvemento do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos de Galicia, que está cumprindo o seu obxectivo de xestionar mellor os nosos recursos, e protexer a sostenibilidade financeira da sanidade pública de Galicia, ao tempo que mantén as coberturas terapéuticas que o resto de España.

O desenvolvemento do Catálogo priorizado de produtos farmacéuticos de Galicia permitiu un aforro real de 3,9 millóns de euros entre o 17 e o 31 de xaneiro, é dicir, nos quince primeiros días tras a entrada en vigor da súa aplicación xeneralizada. Isto permite realizar unha estimación de aforro de preto de 8 millóns de euros mensuais e de máis de 90 millóns de euros ao ano.

Principais liñas de futuro en Europa
O gasto farmacéutico é un dos principais compoñentes do gasto sanitario e un dos que máis comprometen a sustentabilidade futura dos sistemas sanitarios. Polo tanto a implantación do Catalogo priorizado de produtos farmacéuticos axudará nesa sustentabilidade. Na medida en que a situación económica o permita, a Xunta de Galicia reinvestirá os aforros derivados das medidas previstas nesta lei na mellora do sistema sanitario público, especialmente na Atención Primaria.

Con respecto do gasto farmacéutico, Rocío Mosquera destacou que os países máis desenvolvidos e con maior solvencia económica son os que menos gastan porcentualmente en farmacia, mentres que os que teñen maiores dificultades económicas, unha maior inestabilidade financeira e unha maior taxa de desemprego son os que máis o fan, é dicir, son os mellores clientes das multinacionais farmacéuticas.Polo tanto, os países con menos gasto son as primeiras potencias europeas, referentes en industria, tecnoloxía, capacidade de financiamento, pero que ademais son, paradoxicamente, sedes de algunhas das multinacionais farmacéuticas máis importantes do mundo.

A evolución na prescrición de medicamentos xenéricos é outro dato significativo. En Galicia experimentou un incremento do 86% en apenas seis meses, pasando dun 14,5% no pasado mes de xuño de 2010 ao actual 27%. Para a xerente do Sergas, por primeira vez na súa historia Galicia abandona os postos de cola e sitúase na media española de prescrición de xenéricos.

Paciente como eixe do sistema como principio fundamental
Para elaborar esta estratexia, a Administración sanitaria galega baseouse en catro principios fundamentais: o paciente como centro do sistema, o recoñecemento e potenciación do valor dos profesionais, o papel da innovación e da nova ciencia, e, ademais, o compromiso co desenvolvemento económico e social de Galicia.

Entre os sete eixes da Estratexia 2014 destaca conseguir que o sector sanitario actúe como motor de crecemento económico, social e de innovación; e a realización dunha xestión rigorosa e eficiente, promovendo a austeridade en dita xestión. A Estratexia Sergas 2014 conta con outros obxectivos como actuacións destinadas a responder ás necesidades da cidadanía a través de dispositivos asistenciais e plans específicos, garantir a prestación de servizos no lugar e momento adecuados, e cos niveis de calidade e seguridade comprometidos.

Outro dos eixes é establecer un novo marco de xestión dos recursos humanos, sendo os seus piares a estabilidade laboral, o desenvolvemento e a promoción profesional; e tamén desenvolver sistemas de información que faciliten a práctica clínica e a toma de decisións a través da implantación da historia clínica e a receita electrónica en todos os centros sanitarios ata acadar o 100% da poboación e os profesionais. A modernización das infraestruturas sanitarias conforma o últimos dos sete grandes eixes desta estratexia.

Para elaborar esta estratexia, que contou coa achega dos profesionais de todos os ámbitos, a Administración sanitaria galega baseouse en catro principios fundamentais: o paciente como centro do sistema, o recoñecemento e potenciación do valor dos profesionais, o papel da innovación e da nova ciencia, e, ademais, o compromiso co desenvolvemento económico e social de Galicia.

1242 lecturas