Presentación do libro "Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires"

A obra das profesoras e os profesores Xosé Manuel Malheiro, Xosé M. Núñez Seixas, Pilar Cagiao, Rocío Botana e Pilar Rojo, e editada pola Deputación de Pontevedra, analiza as particularidades da diáspora en cada unha das comarcas pontevedresas.

Presentación do libro 'Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires'
Presentación do libro "Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires"
Listen to this page using ReadSpeaker
Pontevedra, 30 de abril de 2013.

 A Deputación de Pontevedra presentou o martes 30 de abril o libro Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires escrito polos profesores e as profesoras das Universidades de Santiago e da Coruña, especialistas en temas migratorios, Xosé Manuel Malheiro, Xosé Manuel Núñez Seixas, Pilar Cagiao, Rocío Botana e Pilar Rojo Otero.

A publicación desta obra responde ao compromiso adquirido polo presidente Rafael Louzán cos presidentes e as presidentas dos centros de emigrantes de Pontevedra na capital arxentina de levar a cabo unha historia da emigración pontevedresa a Bos Aires desde dúas perspectivas: a académica e a social.

O libro presentado ten que ver coa primeira delas. Proximamente será presentado un segundo volume, coa historia de cada un dos centros emigrantes de Pontevedra na capital porteña.

Historia de la emigración pontevedresa en Buenos Aires analiza, desde un punto de vista académico, científico e documentado, as particularidades da emigración a Bos Aires das seguintes comarcas: Deza e Tabeirós-Terra de Montes, a cargo de Xosé Manuel Malheiro; a comarca de Pontevedra, estudada por Núñez Seixas; a do Salnés, por Rocío Botana e Pilar Rojo; a de Vigo, por Pilar Cagiao; e as de Val Miñor, Baixo Miño e O Condado, por Malheiro.

O libro aborda as dúas grandes etapas da emigración, de 1850 a 1930 e de 1940 a 1955, a pegada dos pontevedreses e as pontevedresas no que o historiador José Antonio Durán denominou "a parroquia de aquí e de acolá", na propia Arxentina e en Galicia e outros compoñentes da diáspora  pontevedresa ao Río da Prata.

Analiza tamén o labor de colectivos e personalidades pontevedresas en Bos Aires como Manuel Puente, a actriz Josefa Goldar, o filántropo Casimiro Gómez Cobas, o pintor Bouchet, Martín Echegaray e tantas e tantos outros.

18 centros e sociedades de emigrantes de Pontevedra
Na actualidade, dos 413 centros de emigrantes galegos e galegas no mundo, 83 deles están en Bos Aires e 18 corresponden a centros de sociedades da provincia de Pontevedra.

Como explicou a deputada Ana Isabel Vázquez no acto de presentación, na actualidade estes centros están nun proceso de reinvención e adaptación ás novas particularidades das e dos emigrantes e descendentes. "Os centros pasaron de actividades mutualistas e filantrópicas a desenvolver fins sociais, lúdicos e recreativos. Hoxe son unha fonte de estudo para Galicia, son o lugar onde repousa a memoria pero cada día deben ser máis e reconverterse en territorios de futuro e foros abertos da cultura, das empresas, dos recursos e posibilidades de Galicia e dos seus fillos", sinalou.

 

Fonte: Deputación de Pontevedra

994 lecturas