Política Lingüística colabora cun certame de relatos que promove a lingua e a literatura galegas a través dos medios de comunicación

O xornal "LV. De Luns a Venres" e o Centro PEN de Galicia impulsan o concurso "Minicontos De Luns a Venres Outono".

Listen to this page using ReadSpeaker

Logo da ampla participación acadada en 2010, o certame Minicontos De Luns a Venres Outono celebra a súa segunda edición co fin de continuar fomentando a lingua e a literatura galegas a través dos medios de comunicación. Con este mesmo obxectivo, a Secretaría Xeral de Política Lingüística colabora co certame, que promoven o Centro PEN de Galicia e o xornal LV. De Luns a Venres.

Este concurso de relatos breves pretende impulsar a presenza da literatura galega nos medios de comunicación, ao tempo que busca achegarlles aos lectores as obras de autoras e autores noveis e consagrados que escriben en galego. Trátase, polo tanto, dunha iniciativa que nace para ampliar os horizontes da lingua e da cultura galegas a través do xornal gratuíto en galego, LV. De Luns a Venres.

As bases do concurso
As persoas interesadas poden participar no concurso ata o 15 de decembro, día en que remata o prazo de admisión dos relatos. Os traballos, que deberán ser inéditos e estar escritos en galego, non poderán exceder os 1.200 caracteres. O concurso premiará os tres mellores minicontos con tres galardóns: o primeiro dotado con 600 euros, o segundo con 300 euros e o terceiro con 100 euros.

Cada autor ou autora ten a opción de concursar cun máximo de tres minicontos. Só un deles poderá ser seleccionado polo xurado, que estará composto por un xornalista representante do xornal LV. De Luns a Venres, un escritor membro do Centro PEN de Galicia e outras tres persoas relacionadas co ámbito da literatura galega.

O resultado do certame farase público a finais de decembro de 2011 e os minicontos gañadores serán publicados no gratuíto galego e na súa edición dixital. No inicio do ano que vén terá lugar o acto literario no que se fará entrega dos galardóns.

357 minicontos na primeira edición
A secretaría xeral colabora con este certame desde a súa primeira edición, na que participaron un total de 357 relatos en galego procedentes de diversos países, entre eles Alemaña, Holanda, Francia, Arxentina e Uruguai. Nesa primeira edición, o texto No ventre morno do río, de Silvia Álvarez Baamonde, levou o primeiro premio; Controladores e calendarios, de José de La Torre Culler, acadou a segunda distinción; e Calcio, de Eugenio Alonso Álvarez, recibiu o terceiro galardón.

En imaxes
1011 lecturas