A parroquia de Santaballa, escenario de dous filmes sobre a emigración.
O director Daniel Vázquez roda na localidade unha curtametraxe e un documental coa participación dos veciños.
Unha escola que se construíu na parroquia vilalbesa de Santaballa por iniciativa dos emigrantes galegos que vivían en Cuba converteuse en escenario para a rodaxe dun documental e unha curtametraxe. Ambas as dúas obras están A Cargo de Daniel Vázquez e estrearanse en 2011.
Titulado Lembranzas da infancia. Recordos da escola, o documental céntrase, segundo o autor, na «achega inmaterial da educación» e repasa o significado, hai décadas, da chegada dunha máquina de escribir ou de coser nas bisbarras rurais de Galicia. O documental ródase en Santaballa tras pasar por outros lugares da comunidade. Veciños da parroquia interveñen como figurantes da rodaxe.
A importancia da emigración na localidade de Santaballa tamén se plasmou na creación da Liga Santaballesa, fundada en Cuba por emigrantes galegos. A institución foi decisiva na construción da escola que ata hoxe presta servizos para fins sociais aos veciños da parroquia. A mediometraxe de Daniel Vázquez, titulado O legado migratorio santaballés, analiza ese aspecto dende unha perspectiva local.
Novas relacionadas