Os versos de Rosalía, nun concerto do coro da BBC en Londres

BBC Singers interpretaron unha peza do compositor británico Daniel Saleeb con versos en galego de ‘Cantares gallegos’ e tamén da edición en inglés coeditada pola Consellería de Cultura e Educación e Small Station Press.

Portada de 'Galician Songs'
Portada de 'Galician Songs'
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2015.

A literatura galega estivo presente no concerto que ofreceu a tarde de onte en Londres BBC Singers, dedicado á música iberoamericana, a través dos versos de Rosalía de Castro. O coro da radio pública británica interpretou na igrexa de Saint Paul en Knightsbridge unha obra do compositor Daniel Saleeb, cuxa letra incorpora os versos do poema Has de cantar, de Cantares Gallegos.

Os versos de Rosalía de Castro soaron en galego e tamén en inglés, na tradución inglesa de Erín Moure que coeditaron en 2013 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e Small Station Press. A Radio 3 británica emitiu o concerto, que se puido escoitar en directo a partir das 19:30 hora local (20:30 horas en Galicia) ou en diferido durante unha semana despois do concerto en http://www.bbc.co.uk/programmes/b04xrzd7(a peza escóitase entre os minutos 1h. 09' 16'' e 1h. 14' 40'').

O programa do concerto, no que o coro da BBC estivo acompañado polo guitarrista escocés Sean Shibe, tamén incluíu obras, entre outros, de Manuel de Falla e de Héitor Villa-Lobos. Arredor deste compositor, o departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad tamén apoiara en 2013 o proxecto musical Villa-Lobos. A New Way, unha lectura en clave de jazz do artista brasileiro xurdida da colaboración entre o profesor, compositor e intérprete Alberto Conde coa soprano Carmen Durán, xunto cos músicos Nirankar Khalsa, Kin García e Miguel Cabana, de Alberto Conde Atlantic Trío.

Referentes da literatura galega en inglés
A Consellería e Small Station Press coeditaron en 2013 GalicianSongs, a primeira edición integramente en inglés da obra de Rosalía de Castro. O volume veu a luz en Galician Classics, unha colección promovida pola Secretaría Xeral de Cultura e Small Station Press de clásicos en galego para dar a coñecer no exterior a literatura galega, no marco da cal xa se publicaron outras obras de referencia da literatura galega traducidas ao inglés, como son Herba aquí ou acolá, de Álvaro Cunqueiro; Longa noite de pedra, de Celso Emilio Ferreiro; unha escolma poética de Lois Pereiro e o poemario Nimbos, de Xosé María Díaz Castro.

En imaxes
694 lecturas