Os alcaldes da Laracha, Cabana de Bergantiños e Fisterra visitan a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires.

Foron recibidos polo delegado, Alejandro López Dobarro, con quen analizaron a situación da emigración coruñesa en Arxentina.

Estudáronse vías de cooperación para difundir a figura do actor larachán Enrique Muíño, que acadou grande éxito nas pantallas arxentinas.

Listen to this page using ReadSpeaker
26 de novembro de 2010.

Os alcaldes da Laracha, José Manuel López Varela, de Cabana de Bergantiños, José Muíño Domínguez, e de Fisterra, José Manuel Traba, visitaron este mércores a Delegación da Xunta de Galicia en Bos Aires. Os tres rexedores coruñeses, acompañados polo concelleiro da Laracha, Ramiro Bello Recouzo e o tenente de alcalde de Cabana, Perfecto Vázquez Lema, foron recibidos na representación oficial do Goberno galego polo Delegado, Alejandro López Dobarro.

Segundo manifestou Dobarro tralo encontro, esta visita serviu para “incrementar os lazos de colaboración entre as dúas administracións”, nomeadamente no referido ás relacións cos cidadáns galegos residentes na República Arxentina. Este encontro de traballo serviu para que os alcaldes coñezan de primeira man o traballo administrativo, social e cultural que está a desenvolver a Delegación do Goberno galego en Bos Aires.

Os rexedores interesáronse pola situación actual dos cidadáns coruñeses residentes en Arxentina e amosáronse interesados en participar en iniciativas sociais, a prol da atención das persoas maiores e as orientadas a incorporar á mocidade nas institucións da colectividade galega. Logo de visitar Uruguai e dedicar uns días a coñecer as institucións dos seus municipios na capital arxentina, os tres alcaldes partiron onte rumbo a Galicia.

Enrique Muíño
José Manuel López Varela solicitou ao Delegado da Xunta en Bos Aires a súa colaboración para desenvolver actuacións que contribúan a difundir a obra e figura do actor larachán Enrique Muíño. Emigrado do seu Lendo natal xunto aos seus pais e irmáns, Muíño acadou en Arxentina renome como actor de teatro e de cine. Ademais da súa forte pegada nos escenarios porteños, realizou, no cumio da súa carreira, xiras por Galicia, Madrid, Barcelona, Valencia e Euskadi. Participou en máis de 20 películas en Arxentina e Estados Unidos. Morreu en Bos Aires no ano 1956.

1424 lecturas