Ordes rende tributo á diáspora

María e Adela Calvo foron as emigrantes homenaxeadas.

Listen to this page using ReadSpeaker

Imaxe da ofrenda floral ante o monumento ao emigrante. Foto: La Voz de Galicia.Coa solemnidade que caracteriza este acto todos os anos, Ordes rendeu este xoves unha sincera homenaxe a todos aqueles e aquelas que un día, e ante unha perspectiva laboral escura na súa terra, optaron por facer as maletas e abandonar o país na procura dun futuro mellor. Dúas delas foron María e Adela Calvo Veiras, que cando eran practicamente unhas nenas empaquetaron as súas pertenzas e cruzaron o Atlántico á procura dun traballo. Uruguai acolleunas durante décadas e hai uns anos Adela, a máis nova destas dúas irmás, decidiu que era hora de volver casa. Agora, vive de novo no seu Ordes natal.

María, a maior, aínda ten a súa residencia fixada en Uruguai, pero leva xa uns días en Ordes para gozar das festas patronais e para cumprir coa tarefa que lle foi encomendada este ano dende o Concello ordense: a de representar ás e aos centos de veciños e veciñas que seguiron o seu mesmo camiño cara á diáspora.

Un tema actual
E aínda que Ordes leva organizando 30 anos un acto de homenaxe aos seus e as súas emigrantes, este ano está máis de actualidade que nunca. A decisión de miles de mozos e mozas de deixar España para encontrar un futuro laboral tivo o seu recordo nas palabras das autoridades asistentes á ofrenda floral que se depositou ante o monumento ao emigrante, xusto ao lado da casa consistorial ordense, tras a misa solemne que se organiza todos os anos. Tanto o tenente de alcalde, Silvia Marín, como o propio rexedor, Manuel Regos, tiveron palabras de recordo para eses e esas que, ao igual que lles aconteceu a xeracións e xeracións de galegas e galegos que se foron alén de mar ou a países do norte de Europa, se ven obrigados a abandonar o país para poder traballar.

Regos enxalzou o «gran nivel de formación dás novas xeracións» do país, e gabou o «inxente esforzo ao que moitos se ven sometidos por ter que ir buscar fóra un futuro mellor». Marín, pola súa banda, pediu xuntar os esforzos de todos e todas para intentar «solucionar e superar unha situación difícil que afecta a empresas e familias» e que non hai máis que xerar novas ondadas de emigración cara a outros países.

 

Fonte: La Voz de Galicia | Foto: La Voz de Galicia

727 lecturas