A Orde da Vieira reforza a galeguidade co compromiso do talento galego espallado polo mundo

O secretario xeral da Emigración clausurou o quincuaxesimoprimeiro capítulo da entidade

Os trofeos da Galeguidade no mundo 2018, que entregou o responsable autonómico, recaeron sobre Fernando Amarelo de Castro, la Revista Galegos e o Capítulo Serenísimo do Viño Albariño

  • A Orde da Vieira reforza a galeguidade co compromiso do talento galego espallado polo mundo
    A Orde da Vieira reforza a galeguidade co compromiso do talento galego espallado polo mundo
  • A Orde da Vieira reforza a galeguidade co compromiso do talento galego espallado polo mundo
    A Orde da Vieira reforza a galeguidade co compromiso do talento galego espallado polo mundo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2018.

A Enxebre Orde da Vieira vén de reforzar, coa celebración do seu quincuaxesimoprimeiro capítulo, o compromiso dos seus recentes e antigos cofrades coa galeguidade, un compromiso que se materializa ano tras ano co labor que realizan como embaixadores de Galicia. Investigadoras contra o cancro, almirantes, xornalistas, escritores, catedráticos, directores de cine, mestres de gaita e xuristas, entre outras moitas profesións e vocacións, déronse cita esta noite no Meliá Castilla de Madrid para recibir o agradecemento de centos de galegos que converteron esta xuntanza madrileña nun emblema máis da universalidade de Galicia.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, foi o encargado de clausurar o acto, ao que tamén asistiu o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García G, e no que catorce novos cofrades se incorporaron a este compromiso coa orixe que comparten. Entre eles atopábanse os receptores dos trofeos Galeguidade no Mundo 2018, que este ano recaeron en Fernando Amarelo de Castro, secretario xeral de Relacións coas Comunidades Galegas, a título póstumo; a Revista Galegos; e o Capítulo Serenísimo do Viño Albariño. O gaiteiro pontevedrés Óscar Ibáñez recibiu, pola súa banda, a Vieira de Honor á Calidade Artística.

Catorce novos confrades

O escritor e profesor de galego xaponés Takekazu Asaka Asaka; a presidenta da Fundación E.B, Mariluz Barreiros Ramos; o almirante Santiago Bolívar Piñeiro; o maxistrado da Audiencia Nacional José Luis Castro de Antonio; o director de Nortideas Comunicación e editor, Alejando Diéguez Pazos; o neumólogo Francisco García Río; o presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas; o mestre de gaita Óscar Ibáñez García; o director de cine Norberto López Amado; a directora do Centro Estudios Gallegos, Carmen Mejía Ruiz; a catedrática e investigadora da Universidad Complutense Maria Teresa Miras Portugal; o conselleiro de RTVE Fernando Navarrete Porta; a investigadora contra o cancro Olaia Naveiras Torres-Quiroga; e a xerente de Navarretinto, Marisol Pereira Sanz, son desde onte confrades da Enxebre Orde da Vieira.

A universalidade de Galicia

Tralo nomeamento e a entrega de distintivos, Rodríguez Miranda quixo despedir o evento felicitando a todos aqueles que teñen recibido o recoñecemento, e especialmente aos que o veñen de recibir este ano, polo seu labor en prol da universalidade de Galicia: “Parabéns a tan insignes persoeiros que hoxe se incorporan á Enxebre Orde da Vieira. A partir de agora encontrarémonos de xeito cotián traballando por Galicia”.

Case 78.000 galegos en Madrid

Na comunidade autónoma madrileña residen, segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, 77.989 galegos e galegas de nacemento arestora censados, aínda que este número é estimativo: moitas e moitos dos residentes alí, por diversas razóns, seguen censados nos seus concellos de orixe, e esta cifra tampouco contabiliza as segundas e terceiras xeracións de galegas e galegos xa nados alí.

545 lecturas