Unha ofrenda floral nos panteóns de Ferrol e Ortigueira pon fin á visita institucional de Mato e Miranda á Habana
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, visitaron tamén a Asociación Naturais de Ortigueira, Sociedad Española de Beneficencia y Protección Mutua, onde mantiveron un encontro coa súa directiva.
Durante a súa visita de tres días á Habana, os responsables autonómicos exportaron o modelo do cooperativismo galego na illa caribeña, estableceron acordos en materia sociosanitaria e apoiaron á mocidade cubana no ‘I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, remataron a súa visita institucional á Habana cunha ofrenda floral nos panteóns de Ferrol e Ortigueira do cemiterio Colón.
Así mesmo, Mato e Miranda visitaron a Asociación Naturales de Ortigueira, Sociedad Española de Beneficencia y Protección Mutua, onde mantiveron un encontro coa súa directiva para analizar as súas principais actuacións en materia de atención social. Por último, a e o representante galegos entregaron os premios do campionato de fútbol das sociedades españolas en Cuba.
Ambos responsables autonómicos desprazáronse estes tres días á Habana co fin de exportar o modelo do cooperativismo galego á illa caribeña, establecer acordos en materia sociosanitaria e para apoiar á mocidade cubana no ‘I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’.
O venres, ambos os dous membros do Goberno galego deron a coñecer as políticas que desde a Xunta se impulsaron nos últimos anos para fomentar esta fórmula empresarial, que está a demostrar que é resistente fronte á crise.
Así mesmo, a e o responsable da Xunta de Galicia reuníronse coa viceministra de colaboración internacional do Ministerio de Saúde, Marcia Cobas, coa que estudaron as posibles liñas de colaboración en materia sociosanitaria para as e os galegos e descendentes de persoas galegas residentes en Cuba.
A axenda oficial da conselleira de Traballo e Benestar e do secretario xeral de Emigración completouse cun encontro coa directora de cooperación internacional da Oficina do historiador da Habana, Nelys García Blanco, que tivo como obxectivo abordar a posibilidade de abrir vías de colaboración.
Xa o sábado, asinouse un convenio de colaboración coa Sociedade de Protección e Recreo Monterroso e Antas de Ulla e a Federación de Sociedades Galegas de Cuba para a construción dun centro de día.
Doutra banda, Mato e Miranda, acompañados do embaixador de España en Cuba, Juan Francisco Montalbán, inauguraron o ‘I Encontro de mozos e mozas españois descendentes de galegos’s, onde animaron á mocidade galega en Cuba a emprender e comprometéronse a impulsar proxectos xuvenís entre Cuba e Galicia. A visita á Habana rematou o sábado no Centro galego da Habana, onde a e o mandatario galegos inauguraron a mostra fotográfica Nós Mesmos. Asociacionismo galego na emigración.
Novas relacionadas






