Mato e Miranda reúnense con representantes do Goberno cubano para exportar o modelo de cooperativismo galego e impulsar acordos de cooperación
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron reunións coa viceministra de colaboración internacional do Ministerio de Saúde, Marcia Cobas; e co director de política económica do Mincex, Raúl Becerra.
As e os representantes do Goberno de Cuba manifestaron o seu interese por darlle un impulso ao cooperativismo, especialmente no sector agrario, industrial e de servizos.
Ademais destes encontros, Mato e Rodríguez Miranda reuníronse coa directora de Cooperación Internacional da Oficina do Historiador da Habana, Nelys García Blanco.
A conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, e o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, mantiveron unha xuntanza co director de política económica do Ministerio de Comercio Exterior (MINCEX), Raúl Becerra, no que expuxeron o modelo cooperativo galego e as súas vantaxes, co fin de exportalo a este país.
Así mesmo, os responsables da Xunta de Galicia reuníronse coa viceministra de colaboración internacional do Ministerio de Saúde, Marcia Cobas, coa que estudaron as posibles liñas de colaboración en materia sociosanitaria para as e os galegos e descendentes de galegos e galegas residentes en Cuba.
A conselleira explicou que actualmente hai en Galicia máis de 1.200 cooperativas activas, con ao redor de 90.000 socios, e que xeran uns 18.600 postos de traballo directos, o que supón que o 2 por cento das e dos ocupados galegos están vinculados a actividades de cooperativismo.
Pola súa banda, o director de política económica do Mincex, Raúl Becerra, mostrou especial interese por este “modelo de éxito” e indicou que “o cooperativismo e o seu impulso supón un obxectivo importante en Cuba neste momento, no que se está a estudar a elaboración dunha lei do cooperativismo”. Así mesmo, destacou que constitúe “un modelo en perfecta consonancia co desenvolvemento local da economía da illa” e centrou a súa atención nas experiencias no sector agrario impulsadas pola mocidade, un eido no que Galicia conta tamén cunha ampla experiencia.
Así, o sector agrario aglutina o 30 por cento das cooperativas que existen en Galicia. Ademais, as cooperativas deste sector son as que contan co maior número de socias e socios cooperativistas, que chegan a representar o 45 por cento do total. No que se refire ao eido puramente económico, as cooperativas agrarias galegas facturan ao redor de 1.500 millóns de euros, o que supón o 7 por cento da facturación total do cooperativismo agrario español.
Mato salientou tamén que o modelo da economía social é unha fórmula empresarial que está demostrando unha “especial resistencia” á crise económica. Como exemplo, lembrou que no ano 2013 creáronse 64 cooperativas e 45 sociedades laborais.
Por esta razón, desde o Goberno galego estanse a impulsar diversas iniciativas de promoción do cooperativismo. Durante as xuntanzas, os representantes galegos expuxeron polo miúdo as distintas liñas de actuación existentes na materia.
Destacaron, entre outras, a creación da rede Eusumo, que permite ter unha rede de centros que prestan apoio e asesoramento directo en toda Galicia para fomentar a creación e consolidación de novas iniciativas.
Fixo tamén un percorrido polos distintos incentivos económico existentes para fomentar o emprego nas cooperativas ou para impulsar novos proxectos empresariais. En concreto, puxo en valor que este ano púxose en marcha por primeira vez unha axuda de ata 15.000 euros para os mozos e mozas que decidan crear unha cooperativa xuvenil na Comunidade.
Mato explicou tamén que se levan a cabo outras actuacións co fin de dar a coñecer este modelo e crear unha verdadeira “cultura cooperativa”. Entre estas medidas, destacou a presenza dunha “aula móbil” que percorre Galicia divulgando esta fórmula empresarial; e as actividades de difusión e promoción do cooperativismo que se realizan nos centros educativos galegos destinadas á mocidade.
Oficina do historiador
A axenda oficial da conselleira de Traballo e Benestar e do secretario xeral de Emigración completouse cun encontro coa directora de cooperación internacional da Oficina do historiador da Habana, Nelys García Blanco, que tivo como obxectivo abordar a posibilidade de abrir vías de colaboración.
Neste sentido, o seguinte paso será establecer as prioridades da Habana en materia de cooperación. Un dos eixos cos que se está a traballar especialmente é coas escolas obradoiro que permitan recuperar o patrimonio e, á vez, ofrecer unha formación mixta. Neste punto, desde a Consellería ofreceuse toda a colaboración en materia formativa porque a formación cualificada e certificada nos programas mixtos constitúe un dos avances e un dos eixos estratéxicos do departamento galego.
Ademais, Miranda e Mato tamén mantiveron unha xuntanza co director xeral de asuntos bilaterais da Chancelaría cubana, Gerardo Peñalver.
Novas relacionadas






