A oficina de turismo do Centro Galego de Barcelona ocupa o local que albergara a instalación deste tipo máis antiga da península ibérica e posiblemente de Europa

A Sociedad de Atracción de Forasteros de Barcelona, creada en 1907 para potenciar o turismo na capital catalá, emprazábase no mesmo baixo da Rambla barcelonesa. 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, visitou o pasado mes de decembro a instalación, coincidindo coa súa participación na xuntanza da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas celebrada no Centro Galego de Barcelona.

  • Imaxe da visita do presidente da Xunta de Galicia á oficina de Turismo de Galicia sita nas instalacións do Centro Galego de Barcelona
    Imaxe da visita do presidente da Xunta de Galicia á oficina de Turismo de Galicia sita nas instalacións do Centro Galego de Barcelona
  • A información sobre o Camiño de Santiago é a máis demandada por aqueles e aquelas que visitan a oficina de Turismo de Galicia en Barcelona
    A información sobre o Camiño de Santiago é a máis demandada por aqueles e aquelas que visitan a oficina de Turismo de Galicia en Barcelona
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 4 de xaneiro de 2019.

A oficina de Turismo de Galicia aberta na sede do Centro Galego de Barcelona ocupa un local emblemático e significativo para a actividade que desenvolve, dado que se sitúa no mesmo establecemento que albergara, entre 1907 e 1939, a instalación deste tipo máis antiga da península ibérica e posiblemente de Europa.

No mesmo baixo da Rambla barcelonesa no que agora se ofrece todo tipo de información turística sobre Galicia situábase no devandito período a Sociedad de Atracción de Forasteros de Barcelona, entidade semiprivada impulsada por un grupo de persoas interesadas no desenvolvemento económico local e apoiada financeiramente polo Concello da capital catalá para potenciar o turismo na cidade. 

Ata a súa disolución en 1939, despois dos moitos obstáculos derivados da Guerra Civil, a Sociedad de Atracción puxo a disposición das e dos visitantes documentación, publicacións e prospectos con información sobre medios de transporte, lugares de interese, aloxamento, itinerarios e actividades en Barcelona e en toda Cataluña. Así mesmo, ofrecía servizo de recepción e guía e traballou en colaboración con organismos similares de España e do estranxeiro. 

Na actualidade, a Oficina de Turismo de Galicia, inaugurada en xaneiro de 2018, recolle o testemuño daquela entidade pioneira promovendo o turismo na Comunidade galega entre catalás e cataláns e turistas que visitan Barcelona. 

Visita de Núñez Feijóo
Coincidindo coa súa participación na xuntanza da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas celebrada o pasado mes de decembro no Centro Galego de Barcelona, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, visitou a oficina de Turismo de Galicia, acompañado polo secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda. Alí foron informados polo presidente do Centro Galego, Carlos Mandianes, e maila responsable da oficina sobre a actividade da mesma. A información sobre o Camiño de Santiago é a máis demandada, chegando a 2.000 as credenciais para facer a Ruta entregadas no presente ano. 

O Parque Nacional das Illas Atlánticas e, concretamente, as illas Cíes, a praia das Catedrais, a gastronomía e o turismo rural son outros puntos de interese demandados polas e polos cataláns que acoden á oficina en busca de información.

 

Fonte e foto: Centro Galego de Barcelona

296 lecturas