O triunfo da emigración
Artigo de opinión de Jesús de Juana, catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Vigo e director da UNED en Ourense, publicado no xornal Faro de Vigo.
O modo de entender a galeguidade como a identificación da galega e do galego esparexidos por todo o mundo contribúe a cambiar a valoración da emigración dunha forma positiva, dignificando ás persoas emigrantes, universalizando sen complexos as súas esencias e compracéndose da súa forma peculiar de estar no mundo. Distinta pero non distante. Exclusiva pero non excluínte. Integradora pero propia. A importancia desta universalidade da galeguidade ten a virtualidade de que facilita a adaptación a calquera nova circunstancia e de que calquera galego ou galega poden exercer de cidadán ou cidadá do mundo sen renunciar á súa identidade nin ás súas orixes. No fondo, este é o triunfo da emigración, porque permitiu aos galegos e ás galegas transcender o seu marco territorial ("ius soli") mantendo a súa vinculación a unha familia, a un pobo ("ius sanguinis").
Sen dúbida os valores e dereitos individuais das persoas son anteriores e máis profundos que os colectivos, pero tiñan que convivir e coincidir todos do mellor modo posible sen enfrontarse. Do mesmo modo, os valores e o pensamento político e social no noso mundo occidental teñen que permitir e tolerar a manifestación e a integración do particular, e así poder chegar "ao vínculo entre o universal e a esixencia de ter raíces", que diría E. Morin.
O imparable proceso de globalización e mundialización das relacións económicas e sociais formula numerosos interrogantes sobre que papel desenvolven no futuro o conxunto dos referentes identitarios sobre os que tradicionalmente se construíron os diferentes pobos. Parece evidente que unha parte deles se encontran seriamente ameazados por este mesmo proceso e pola perspectiva uniformizadora que deriva da imposición dos valores e modos de vida do centro capitalista. As relacións entre os pobos e as culturas non son nunca neutras e raramente se producen en termos de igualdade. Os procesos de endoculturización ou de inserción dos préstamos e innovacións procedentes doutra cultura na propia dependen dunha multiplicidade de factores, as máis das veces relacionados co seu aspecto práctico, co seu utilitarismo, que ao cabo é o que determina a dispoñibilidade social para aceptalos, para asumir a súa socialización. Dende esta perspectiva, a práctica universalización no noso ámbito das formas de vida, os valores e as pautas emanadas deste mesmo centro constitúen un mecanismo de fagocitación cultural que forzosamente ten que repercutir no modo tradicional do particular cosmovisión de cada pobo.
Pero non é menos certo que dentro dese mundo global e fortemente sincrético a esencia do que chamamos galeguidade ten unha valoración social francamente positiva dentro de Galicia. Mesmo paradoxalmente, nas xeracións máis novas, aínda que non a practiquen ou non se sintan depositarios na súa integridade dela. Fundamentalmente porque foron educados, a diferenza dos seus pais e, sobre de todo, dos seus avós e avoas, na idea de que tales referentes son positivos; de que son un ben prezado, algo que debe ser conservado porque, ademais, forma parte da esencia de Galicia.
Fonte: Faro de Vigo
Novas relacionadas




