O secretario xeral informa os galegos do Perú de que a Xunta seguirá velando por eles

Camba visitou o Centro Galego da Capital.

Listen to this page using ReadSpeaker
9 de agosto de 2011.

O secretario xeral da Emigración da Xunta de Galicia, Santiago Camba, chegou o pasado sábado a Lima -procedente de Chile- capital na que tivo oportunidade de reunirse coa colectividade galega. Á súa chegada ao Centro Galego do Perú, o secretario xeral foi recibido ao son de gaitas por membros da colectividade, encabezados por Francisco Prieto, presidente da institución nese país, quen, en atención á distinguida presenza, convocou un ágape na súa honra.

A visita tivo por obxecto coñecer ao colectivo galego na capital do Perú e xerar con eles un achegamento para recoñecer o labor que con esforzo se vén realizando alí, tratando de manter a cultura galega sen desligarse de España. Camba animounos a seguir loitando no cumprimento das súas metas e resaltou que se sentía compracido pola continua adhesión de moita xente nova aos centros galegos que estivo a visitar.

Recordou que, a pesar da difícil situación pola que atravesa España, a Xunta está sempre a disposición dos emigrantes, tratando de atender as necesidades dos máis de 400.000 galegos censados no exterior.

Os membros da comunidade galega tiveron a oportunidade de conversar e departir animadamente con Camba e neles quedou a satisfacción de saber que, a pesar da distancia, Galicia recorda e se preocupa sempre polos seus emigrantes.

Horas máis tarde, o responsable de emigración da Xunta de Galicia, se reuniu para cear co representante da casa diplomática española en Perú, o embaixador Francisco Javier Sandomingo Núñez, tamén galego, e co seu anfitrión, presidente do Centro Galego do Perú, Francisco Prieto, nun coñecido restaurante de bandeira vermella e amarela. Logo da súa visita ao Perú, Santiago Camba partirá de viaxe a Ecuador.

Fonte: Crónicas da Emigración

1157 lecturas