O Secretario Xeral da Emigración subliña que cada emigrante galego representa “a mellor embaixada” de Galicia no extranxeiro.
Santiago Camba recibiu aos 132 galegos residentes en Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai que participan nunha nova edición do programa “Reencontros na Terra”.
Os participantes pasarán tres meses en Galicia co obxectivo de redescubrir as súas raíces e coñecer a actualidade da súa terra de orixe.
O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, recibiu este xoves a 132 galegos residentes en Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai que participan no programa Reencontros na Terra 2010, e que se atopan en Galicia dende o pasado luns.
No seu discurso de benvida, Santiago Camba subliñou que “todos e cada un dos galegos no estranxeiro constitúen a mellor Embaixada para estas terras”. Así mesmo lembrou que o programa Reencontros na Terra -unha iniciativa da Secretaría Xeral da Emigración e desenvolvida en colaboración coa Secretaría Xeral de Familia e Benestar- é unha ocasión para “reencontrarse coa terra na que cada un naceu” para todos aqueles que levan décadas fóra de Galicia. “É o momento de sentir que os fillos de Galicia formamos parte dunha comunidade cultura, identitaria, baseada nos mesmos valores e coas mesmas esperanzas”, destacou Santiago Camba, quen tamén recoñeceu a fortaleza e a dignidade destes emigrantes, algúns deles que levan máis de 60 anos fóra da súa terra.
Así mesmo, o secretario xeral da Emigración invitou a todos os participantes no programa a que desfruten da súa estancia en Galicia, máis aínda neste Ano Xacobeo, onde Santiago é final do Camiño para miles de peregrinos. Precisamente, trala recepción ofrecida pola Secretaría Xeral da Emigración, os emigrantes asistiron á misa do peregrino na Catedral de Santiago.
Cómpre salientar que neste programa de Reencontros na Terra 2010 participan un total de 190 persoas procedentes de Arxentina, Brasil, Cuba e Uruguai, xa que aos 132 que chegaron o pasado luns, sumaranse outras 58 persoas que o farán nunha segunda quenda o vindeiro 15 de novembro. O programa pretende que estes emigrantes –cuxa estancia en Galicia se prolongará durante tres meses- poidan redescubrir as súas orixes e poñerse e contacto coa realidade actual do seu país de orixe a través de distintas actividades encamiñadas a posibilitar o coñecemento da Galicia actual, o encontro coas súas propias familias e o intercambio de experiencias co resto dos participantes.
Novas relacionadas