O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, investido cabaleiro da ‘Enxebre orde da vieira’.

Trátase dunha das entidades con maior arraigo entre a diáspora galega en Madrid.

Listen to this page using ReadSpeaker
21 de febreiro de 2011.

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, foi investido este sábado en Madrid cabaleiro da Enxebre Orde da Vieira, no decurso do 44º Capítulo Xeral desta entidade. Canda Camba, foron investidos damas e cabaleiros da Orde outras 14 destacadas persoas da vida cultural, política, científica e social de Galicia, como o actual ministro de Xustiza do Goberno de España, Francisco Caamaño, ou o que fora ministro de Asuntos Exteriores, Marcelino Oreja.

Así, ademais de Camba, Caamaño e Oreja, na cerimonia recibiron o seu recoñecemento María del Pilar Barba García, Alberto Berguer, José Manuel Campos, José María Castellano Ríos, Guillermo Collarte, Manuel Díaz Vigo, Juan Carlos Estévez, Irene Fernández Núñez, Xosé Ramón García Bustelo, José Antonio Gegúndez, María Luísa Graña, e Horacio Rico. Trátase dun elenco de importantes personalidades científicas e de destacados membros do empresariado e das profesións liberais.

Asemade, no acto foi investido tamén ‘Pertegueiro Honorario’ da entidade o ex conselleiro da Xunta de Galicia, e ex ministro de Sanidade, José Manuel Romay Beccaría. Igualmente, outras personalidades destacadas en varios ámbitos profesinais foron investidos ‘madrigallegos de oro’ [Para máis información, consultar o blog madrigallegos.blogspot.com]

44 anos de tradición
Segundo consta na súa páxina web, a orixe da Enxebre Orde da Vieira remóntase ao verán de 1967, a un encontro na praia de Panxón, organizado por un grupo de galegos residentes en Madrid –case que todos estudantes-, cualificados polo xornalista Raimundo García Borobó como “madrigallegos”. Deciden fundar unha Orde para xuntar aos galegos afincados en Madrid, e así interrelacionalos e dar maior pulo ás súas actividades profesionais e persoais. Igualmente, é obxectivo da Orde “apoiar todo o relacionado con Galicia”.

Na actualidade, a Orde conta con máis dun milleiro de socios, e espalla a súa presenza en máis de 22 países, segundo a propia entidade. Ademais das festas e xuntanzas anuais, a Orde realiza unha actividade editorial, publican diversos obras monográficos sobre diversos aspectos da cultura e tradicións galegas.

1890 lecturas