O secretario xeral da Emigración reuniuse con representantes da diáspora galega en Suíza

Voos comerciais, reforma do voto exterior, cambios no sistema de subvencións, integración da Fundación Galicia Emigración na Secretaría Xeral, e anteproxecto de Lei do Retorno, foron os puntos tratados na xuntanza.

Listen to this page using ReadSpeaker

O secretario xeral da Emigración, Santiago Camba, reuniuse con representantes de moitos dos colectivos da diáspora galega con presenza na Confederación Helvética, nun acto que tivo lugar na sede da asociación A Nosa Galiza de Xenebra.

Camba informou aos presentes das propostas de programación de voos pactadas entre o Goberno galego e diversas compañías aéreas para enlazar Suíza e Galicia a partir de agora. Concretamente, expúxolles as propostas a este respecto das compañías Vueling e Air Berlin para unir Santiago de Compostela e Zürich (no segundo caso, vía Palma de Mallorca), e da compañía Easy Jet para explotar a conexión entre a capital galega e Xenebra.

Os representantes dos colectivos de galegos emigrados na Confederación Helvética amosaron, como non podía ser doutra maneira, a súa satisfacción pola posibilidade desas ligazóns xestionadas e negociadas recentemente pola Xunta de Galicia, e expuxeron o seu interese pola estabilidade no tempo destes voos comerciais.

A diáspora en Suíza expresou igualmente ao secretario xeral a súa insatisfacción pola reforma da Lei que regula o dereito ao voto nas eleccións municipais, aspecto polo que Santiago Camba amosou a súa comprensión, se ben lembrou que se trata dunha competencia de ámbito estatal que foi reformada con amplo consenso nas Cortes Xerais do Estado.

Subvencións
Santiago Camba informou igualmente aos representantes da diáspora en Suíza dos cambios no sistema e ordes de subvencións, que perseguen exclusivamente unha maior eficacia na xestión dos fondos, maior facilidade para as asociacións na presentación e renovación de documentación e xustificacións, e unha meirande velocidade na resolución das solicitudes.

Da mesma maneira, Camba explicou que, con ese mesmo obxectivo de incrementar a eficacia na xestión e racionalización administrativa, a Secretaría Xeral que dirixe farase cargo de todo o traballo e xestión de programas sociais da antiga Fundación Galicia Emigración, recentemente extinta polo Goberno galego, na liña de austeridade posta en marcha polo executivo de Núñez Feijoo. Neste aspecto, Camba garantiu aos presentes que tódalas actividades e iniciativas que viña desenvolvendo a Fundación manteranse –e na medida do posible melloraranse- coa integración desa entidade na Secretaría Xeral da Emigración.

Finalmente, o subdirector xeral da Emigración, Antonio Aguarón, explicou polo miúdo aos presentes os detalles do anteproxecto de Lei do Retorno, e informou da apertura dun período de alegacións para que tódalas entidades e individuos interesados podan realizar as súas contribucións ao texto, tal e como xa veu anunciando en encontros similares noutros puntos de Europa e América Latina.

 

Foto: España Exterior

En imaxes
1315 lecturas