O Secretario Xeral da Emigración adianta que hai unha posibilidade de reformar a Lei de Galeguidade

Abrirase un período de debate de catro a seis meses para analizar os posibles cambios na normativa.

Listen to this page using ReadSpeaker

O Secretario Xeral da Emigración, Santiago Camba, dixo que existe unha «posibilidade» dunha futura reforma da Lei de Galeguidade para o cal establecerase un período de debate de catro a seis meses sobre aspectos dun texto que «foi moi avanzado no seu momento, pero pode que nestes momentos necesite unha reforma».

En rolda de prensa, Camba expuxo as conclusións presentadas pola Comisión Delegada do Consello de Comunidade Galegas, entre as que se inclúen a probabilidade de reformar a lei para presentar unha proposta de anteproxecto consensuado ao Consello de Goberno da Xunta para o seu posterior envío ao Parlamento.

Aínda que o Secretario Xeral da Emigración resaltou que «é probable a súa reforma en moitos aspectos», non quixo avanzar ningún dos cambios «por respecto á Comisión Delegada» e «non se adiantar ás propostas dos galegos no exterior».

Así, a comisión delegada deu luz verde á proposta de limitar a idade de participación en escolas abertas a menores de 35 anos co fin de potenciar a participación da xuventude galega. Ademais, tamén aceptou a proposta de dar un maior protagonismo ás entidades galegas á hora de ser informados e consensuar programas de axuda.

1985 lecturas