O programa Emega para mulleres emprendedoras, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, contará en 2022 con 4,2M€

Trátase do maior orzamento da súa historia.

Este programa, ao que se poden acoller as mulleres galegas retornadas, aposta polo emprendemento feminino.

Emega permitiu apoiar desde 2009 cerca de 1.000 iniciativas empresariais e consolidar máis de 2.100 postos de mulleres
Emega permitiu apoiar desde 2009 cerca de 1.000 iniciativas empresariais e consolidar máis de 2.100 postos de mulleres
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2021.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, destacou onte que o programa Emega, que forma parte da Estratexia Galicia Retorna, contará o próximo ano co orzamento maior dos seus 25 anos de historia: 4,2 millóns de euros.

Así o destacou durante a entrega dos premios da I edición Olympe Emprende -colofón ao programa formativo desenvolvido polas entidades Tandem Social, Abeluria e Wazo Coop, para acompañar a mulleres na súa iniciativa empresarial-, ocasión que aproveitou para poñer en valor aposta da Xunta polo emprendemento feminino por medio do programa Emega, ao que poden optar as mulleres galegas retornadas. 

Deste xeito, a Xunta impulsará en 2022  o talento e a inserción laboral feminina con máis de 34 millóns de euros a través dun plan máis completo, o Emprega Muller, no que se insire o Emega. Trátase de deseñar actuacións específicas que promovan a formación e a ocupación de mulleres, potenciando o seu liderado e iniciativa empresarial.

Galicia está contribuíndo coas súas políticas públicas a afianzar o emprendemento feminino. A comunidade conta cunha taxa de actividade emprendedora de mulleres do 6,8% fronte ao 3,7% do sector masculino, que a sitúa á cabeza do resto das comunidades, só superada por Cataluña. O emprendemento feminino rural está a experimentar un amplo crecemento nos últimos anos, dixo a secretaria xeral, quen incidiu en que na Economía Social, as mulleres destacan por riba da media do Estado. Emega permitiu apoiar desde 2009 cerca de 1.000 iniciativas empresariais e consolidar máis de 2.100 postos de mulleres, lembrou López Abella.

349 lecturas