O Programa Emega de impulso ao emprendemento feminino incorpora medidas para apoiar ás mulleres cara á reactivación económica

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu en Santiago de Compostela un acto informativo por videoconferencia coas mulleres beneficiarias do programa.

O Goberno autonómico apoia 197 proxectos de mulleres e a creación ou mantemento de 324 postos de traballo este 2020.

A iniciativa axuda ao colectivo feminino á posta en marcha e reactivación de empresas e inclúe unha liña para apoiar a conciliación.

  • O programa Emega é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
    O programa Emega é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
  • O programa Emega é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
    O programa Emega é unha das máis de medio cento de medidas que integran a Estratexia Galicia Retorna da Xunta de Galicia
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 9 de novembro de 2020.

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, presidiu en Santiago de Compostela un acto de difusión virtual para dar información, asesoramento e orientación sobre o programa Emega de emprendemento feminino ás súas beneficiarias que na convocatoria 2020 tiveron un incremento do 22,3%. Nesta edición incorporáronse modificacións para minimizar os efectos negativos e intensificar o apoio ás emprendedoras no actual contexto económico.

Tal e como relatou a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, o programa Emega consolidouse como “medida específica” para o fomento do emprendemento feminino. Desde 2009 permitiu financiar 902 proxectos liderados por mulleres e crear case 1.600 postos de traballo para elas. Este ano 2020 a Administración autonómica apoia 197 iniciativas empresariais de mulleres -un 22,3% máis que en 2019-, o que permite a creación ou mantemento de 324 empregos.

Na convocatoria de 2020 incorporáronse varias modificacións para intensificar o apoio ás emprendedoras no contexto xerado “pola crise económica, social e sanitaria derivada da pandemia da covid-19”, tal e como lembrou López Abella. Entre elas, subliñou como principal novidade o reforzo da denominada liña Activa, “a que se considera máis adecuada para ter en conta á situación da covid-19” permitindo “flexibilizar e minorar a esixencia do mantemento do emprego”. Esta liña está dirixida á reactivación e a consolidación de empresas a través de incentivos para a renovación, a ampliación ou o cambio de localización cos que paliar unha situación económica adversa. Con ela preténdese garantir a pervivencia das empresas no actual contexto. Por iso, flexibilizaronse os criterios de acceso sen que se requirira que o negocio tivera tres anos de antigüidade ademais de valorarse o emprego mantido neste período e o creado.

Liñas específicas
Ademais da liña Activa, o programa Emega implementa outras tres liñas específicas: Emprende, para promover a posta en marcha de novas iniciativas empresariais e crear emprego feminino estable por conta propia ou allea; Innova, para fomentar a implantación de medidas innovadoras para a mellora da competitividade de empresas constituídas por mulleres; e ITEF, para promocionar iniciativas empresariais con contido científico ou base tecnolóxica promovidas por mulleres.

A maiores, establecese a axuda complementaria Concilia, para promover a conciliación da vida persoal, familiar e laboral nas súas dúas modalidades: a destinada a promotoras e para persoas traballadoras por conta allea.

A contía das axudas depende da liña solicitada e do número de postos de traballo xerados. Así na Emprende oscilan entre os 8.000 e 20.000 euros; na Innova, entre 12.000 e 20.000 euros; na Activa, entre 6.000 a 15.000 euros; e na ITEF, entre 16.000 e 40.000 euros. No caso das axudas complementarias da liña Concilia, os incentivos oscilan entre os 3.000 e os 5.000 euros.

Emega configúrase como “medio axeitado para a promoción, participación e progresión das mulleres no mercado de traballo e no desenvolvemento da súa actividade profesional”, incidiu a secretaria xeral da Igualdade na videoconferencia. Lembrou que grazas ao plan aprovéitase a potencialidade e as novas oportunidades de negocio impulsadas por mulleres, singularmente no terreo da innovación (I+D+i), das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC) e no medio rural; co fin de promover “unha maior participación na actividade económica e laboral, así como para contribuír a un crecemento intelixente, sustentable e integrador sen desigualdades entre mulleres e homes, a unha maior cohesión social e territorial e á revitalización demográfica en Galicia”.

A Consellería de Emprego e Igualdade destinou este ano 2.120.000 euros a esta actuación, que está cofinanciada polo Fondo Social Europeo, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020.

En imaxes
317 lecturas