O programa de Axudas ao Retornado Emprendedor recibe 69 solicitudes para a posta en marcha de negocios por galegas e galegos que regresan a Galicia

A cifra supón un incremento do 23% con respecto ao anterior exercicio, o que amosa o interese que está a espertar un programa que xa ten permitido a apertura de máis de 150 iniciativas empresariais na comunidade. 

As e os solicitantes desta edición abarcan máis de 20 países e 4 continentes.

Foto de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración a Le Petit Coin (en Santiago de Compostela), un dos negocios postos en marcha co apoio destas axudas
Foto de arquivo da visita do secretario xeral da Emigración a Le Petit Coin (en Santiago de Compostela), un dos negocios postos en marcha co apoio destas axudas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 5 de outubro de 2019.

O programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral de Emigración recibiu este 2019 un total de 69 solicitudes para a posta en marcha de novos negocios por galegas e galegos que regresaron a Galicia. 

Cómpre salientar que, desta volta, as e os solicitantes abarcan máis de 20 países e 4 continentes. Así, en América destacan as e os 24 de Venezuela ou os 9 de Brasil; en Europa, 4 de Suíza, 3 de Reino Unido, ou outros 3 de Alemaña. E hai un de Emiratos Árabes (Asia) e outro das Seychelles (África).  

Todas estas cifras reflicten o interese que está a xerar entre a mocidade galega no exterior un programa do que máis do 40% das solicitudes son de menores de 40 anos, situándose a idade media nos 43. Ademais, o número de solicitudes incrementouse nun 23% respecto ao 2018, pasando de 53 solicitudes a 69. 

Gastos correntes da posta en funcionamento
Esta iniciativa, que xa ten permitido a posta en marcha de máis de 150 iniciativas empresariais na comunidade, está dirixido a cidadás e cidadáns galegos residentes no exterior que queiran volver a Galicia. Así, o programa permite ás galegas e os galegos, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 10.000 euros de subvención.

Trátase dunha das 53 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, aprobada o 12 de abril do pasado ano polo Consello da Xunta, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.

812 lecturas