O programa de Axudas ao Retornado Emprendedor concedeu en 2018 un total de 43 subvencións para a posta en marcha de proxectos de galegas e galegos que regresaron a Galicia

Dos beneficiarios e beneficiarias deste programa, 29 proceden de América e 14, de Europa.

Por provincias, 20 das e dos 43 montaron o seu negocio na Coruña, 15 na de Pontevedra, 6 na de Ourense e 2 na de Lugo.

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2019.

O programa de Axudas ao Retornado Emprendedor que convoca a Secretaría Xeral da Emigración concedeu en 2018 un total de 43 subvencións para a posta en marcha de negocios por cidadás e cidadáns galegos que regresaron a Galicia. Do total de persoas beneficiarias, 29 proceden de América (27 deles de Venezuela, 1 de Estados Unidos de América e 1 de México), e as 14 restantes, de Europa. Destas e estes últimos, 4 volveron desde Suíza, 4 desde os Países Baixos, 2 desde O Reino Unido, e 1 desde Chipre, Bélxica, Hungría e Francia, respectivamente.

A Coruña foi a provincia na que máis emprendedoras e emprendedores decidiron establecer os seus proxectos, 20, fixándose nos concellos herculinos (9), Santiago de Compostela (4), Oleiros (2), e Noia, Negreira, Carral, Camariñas e Arteixo, cun en cada un deles. Pontevedra é a segunda na que máis negocios se estableceron, con 16, situados nos municipios de Vigo (7), e 1 en Pontevedra, Valga, Bueu, Moraña, A Estrada, Covelo, Tui e O Porriño; seguida da de Ourense, con 6, radicados nos concellos de Ourense (5) e Celanova (1); e a de Lugo, con dous, un establecido en Monforte de Lemos e o segundo, en Viveiro.

Gastos correntes da posta en funcionamento
A galegas e galegos residentes no exterior que queiran volver a Galicia está dirixido este programa da Secretaría Xeral da Emigración, que no pasado exercicio concedeu un 16% máis ca na súa convocatoria anterior, en 2017. Esta iniciativa autonómica permite ás e aos galegos que regresan á súa terra de orixe, xa fosen nados na Galicia territorial ou nos seus países de destino, sufragar gastos correntes orixinados pola posta en funcionamento dun negocio con ata 10.000 euros de subvención.

Trátase dunha das 53 medidas incluídas na Estratexia Retorna 2020, aprobada o pasado 12 de abril polo Consello da Xunta, de carácter transversal e coordinado pola Secretaría Xeral da Emigración coa colaboración de todos os departamentos da Xunta de Galicia e cun investimento de máis de 235 millóns de euros.

426 lecturas