O programa “Aventúrate con Galicia” ofrecerá a medio cento de mozas e mozos galegos do exterior desfrutar da súa terra de orixe

Tres residencias xuvenís das provincias de Lugo e A Coruña acollerán aos rapaces e rapazas, de entre 14 e 17 anos. 

A iniciativa, levada a cabo entre a Secretaría Xeral da Emigración e a Consellería de Política Social, pretende fortalecer os vínculos das e dos participantes con Galicia, potenciais beneficiarios da Estratexia Retorna 2020. 

O prazo de presentación de solicitudes remata o 4 de xuño.

  • Na foto, a paisaxe no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro (Lugo)
    Na foto, a paisaxe no Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro (Lugo)
  • Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
    Na foto, unha das actividades de mar e de praia na Residencia xuvenil de Gandarío (Bergondo - A Coruña)
  • Imaxe dunha das actividades que se desenvolven no campamento de Os Chacotes (Palas de Rei - Lugo)
    Imaxe dunha das actividades que se desenvolven no campamento de Os Chacotes (Palas de Rei - Lugo)
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 25 de abril de 2018.

A Xunta de Galicia abriu o prazo de presentación de solicitudes para o programa “Aventúrate con Galicia”, unha iniciativa dirixida a mozos e mozas con orixe en Galicia, e que residan no exterior. Na proposta, que este ano cumpre a súa terceira edición, participan tanto a Secretaría Xeral da Emigración como a Consellería de Política Social a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado.

É este departamento autonómico o que pon a disposición do medio cento de participantes neste programa as residencias xuvenís nas que se desenvolverán as tres modalidades de actividades que se propoñen para as mozas e os mozos galegos participantes desta experiencia. As relacionadas co mar levaranse a cabo na residencia xuvenil de Gandarío, na provincia da Coruña, que reservará 20 prazas para este programa. As actividades de natureza, ambiente e mar, co mesmo número de sitios dispoñibles, terán como escenario o Albergue Xuvenil de Area, en Viveiro. Por último, as “Actividades de Aventura T”, contarán con 10 prazas para desfrutar no Campamento Xuvenil de Os Chacotes, situado en Palas de Rei (Lugo). 

Os interesados e interesadas en formar parte desta terceira edición do programa terán ata o 4 de xuño para presentar a súas solicitudes, segundo establece a resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG), que especifica que a Xunta porá a disposición das persoas beneficiarias os servizos de aloxamento e manutención nos albergues xuvenís e residencias asignadas ao mesmo. O Goberno galego responsabilízase, así mesmo, do desprazamento das e dos beneficiarios desde o aeroporto ou estación correspondente ata a instalación base das actividades.

Pola súa parte, cada unha das persoas beneficiarias farase cargo da organización e pagamento dos custos da súa viaxe de ida e de volta aos seus lugares de residencia ata e desde Galicia. Igualmente realizará as xestións necesarias para a saída e a entrada ao país, tales como visados ou pagamento de taxas.

A xuventude, destinataria da Estratexia Retorna 2020
Este programa complementa outros dirixidos á mocidade que Emigración vén desenvolvendo desde hai anos, tales como ‘Conecta con Galicia’, ‘Escolas Abertas’, ou os distintos obradoiros e cursos que organiza para a formación das segundas xeracións dos galegos e as galegas no exterior. O obxectivo de todos eles é achegar a todas e todos os galegos que viven fóra da Galicia territorial á sua terra de orixe.

“Esta cercanía é hoxe, se cabe, máis importante ca nunca”, salientou o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, “posto que son eles, os galegos menores de 45 anos que viven no estranxeiro, tanto os emigrantes nados en Galicia coma os seus descendentes, os destinatarios prioritaios do máis de medio cento de medidas que conforman a Estratexia Retorna 2020, que abranguen desde iniciativas de ámbito social como informativas, educativas e mesmo laborais e de emprendemento”.

Cómpre lembrar, neste aspecto, que do total de cidadás e cidadáns galegos residentes fóra do territorio, 7 de cada 10 xa naceron na diáspora, polo que reforzar os vínculos coa terra dos seus pais, nais, avós e avoas tense convertido nun obxectivo fundamental para a Xunta. As actividades realizaranse na segunda quincena do mes de xullo, e van dirixidas a mozos e mozas residentes fóra de Galicia con idades comprendidas entre os 14 e os 17 anos de idade. Levaranas a cabo, como o resto de programas que desenvolve a Secretaría Xeral da Emigración, xunto con mozos e mozas residentes na Galicia territorial.

1311 lecturas