O profesor Xosé Amancio Liñares presentará na Feira do Libro de A Coruña dúas obras sobre a temática migratoria

Un total de 29 expertos colaboraron na elaboración dos libros «La emigración española a Europa en el siglo XX» e «Hijos y nietos de la emigración española. Las generaciones del retorno».

Listen to this page using ReadSpeaker

O profesor Xosé Amancio Liñares Giraut presentará na Feira do Libro da Coruña as obras La emigración a Europa en el siglo XX e Hijos y nietos de la emigración española. Las generaciones del retorno, publicadas polo Grupo España Exterior. Un total de 29 expertos, na súa maioría investigadores, colaboraron na elaboración dos dous libros que analizan con rigor científico estas dúas parcelas do fenómeno migratorio español.

«Aínda que a marcha de cidadáns españois cara á outros países europeos, como Francia, Gran Bretaña ou Portugal non é un fenómeno recente, é durante a segunda metade do século XX cando resulta máis alta e significativa, con trazos mesmo de tsunami», define Xosé Amancio Liñares Giraut, na introdución do libro La emigración española a Europa en el siglo XX.

«Analizar esta emigración de miles de traballadores de España - que se prolongou no tempo ata os anos finais do século XX- a esta Europa que buscaba primeiro unha recuperación saneada e despois un novo desenvolvemento e hexemonía mundial -reconstrución e expansión-, é o propósito deste traballo de investigación », destaca Liñares Giraut.

Entre os aspectos máis relevantes estudados ao longo dos 13 capítulos da obra están as cifras da poboación española que emigrou a outros países do continente europeo, o marco lexislativo que define a situación dos emigrantes españois en Europa e a súa participación sociopolítica a través do asociacionismo no estranxeiro.

O outro libro, titulado Hijos y nietos de la emigración española. Las generaciones del retorno, aborda un asunto acerca do que existen debates e controversias sobre como lograr a adaptación e integración plenas, a inserción no mercado laboral das novas xeracións que retornan á terra dos seus pais.

Os aspectos concretos que se abordan nos 11 capítulos desta obra son os demográficos, os lugares do retorno (quen, dende onde e cara a onde?), así como a cobertura xurídica dos retornados e as medidas contempladas dende a Administración para atender o retorno dos descendentes. Neste sentido faise especial referencia ao Estatuto da Cidadanía Española no Exterior (2006).

A edición destes libros desenvólvese dentro do Programa de axudas para Proxectos e Investigación promovida pola Dirección Xeral da Cidadanía Española no Exterior.

1602 lecturas