O presidente do Centro Galego de México presenta a Miranda os novos proxectos desta comunidade

Miranda e Gulías durante a súa entrevista no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Miranda e Gulías durante a súa entrevista no despacho do secretario xeral da Emigración en Santiago de Compostela
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de abril de 2016.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, recibiu no seu despacho en Santiago ao presidente do Centro Galego de México, Florencio Gulías Barros, quen fixo ao alto cargo autonómico unha análise da situación actual da colectividade galega na cidade máis poboada de América.

Gulías fixo partícipe a Miranda da finalización dalgunhas actuacións de mellora e ampliación de equipamentos e instalacións do Centro nas dúas sedes que posúe (na colonia Roma de Cuauhtemoc, e na colonia de Xardíns de San Lourenzo de Iztapalapa), de maneira que se permite unha mellora substancial na prestación de servizos a tódolos asociados e asociadas. O presidente do Centro presentou asemade os proxectos da entidade para os vindeiros meses.

Pola súa banda, o secretario xeral da Emigración comprometeu unha nova visita á capital azteca no primeiro semestre do ano, “se ben haberá oportunidade de poder coñecer as inquedanzas dos galegos de México, e do resto de América e do mundo, na cita de finais de maio”, asegurou Miranda en referencia á celebración na Habana do XI plenario do Consello de Comunidades Galegas.

O Centro
En 1911 créase na florecente cidade de México o Orfeón Galego, xerme do actual Centro Galego. Trátase dunha entidade con importante influencia social nesta megalópole, pois dela forman parte importantes empresarias e empresarios e profesionais, procedentes na súa gran maioría da provincia de Ourense.

Posúe unha sede central en propiedade sita nun antigo pazo construído en 1951, que conta con salón de actos, de xogos, de ensaios e un multiusos de case dous mil metros cadrados, así como servizos de hostalaría. Ademais, a 40 quilómetros, posúe outra sede con amplas instalacións deportivas e recreativas (campos de fútbol, baloncesto, tenis, e piscinas), diversas zonas naturais para o ocio familiar, capela, e varias salas sociais.

O Centro Galego de México celebra cada 1 de maio nestas instalacións nas aforas do D.F. unha das manifestacións sociais e culturais máis numerosas da Galeguidade en todo o mundo, coa participación de milleiros de familias vinculadas directa ou indirectamente con Galicia.

1502 lecturas