Miranda destaca a importante achega ao país de acollida e á súa terra de orixe das e dos galegos asentados en México

O secretario xeral participa en D.F. na Celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade.

  • O secretario xeral da Emigración participou no D.F. na Celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade
    O secretario xeral da Emigración participou no D.F. na Celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade
  • O secretario xeral da Emigración participou no D.F. na Celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade
    O secretario xeral da Emigración participou no D.F. na Celebración do Primeiro de Maio, unha das manifestacións máis importantes da Galeguidade
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 1 de maio de 2017.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, participou hoxe na celebración do Primeiro de Maio organizada polo Centro Galego de México nas súas instalacións do Canal de Chalco, en Iztapalapa, nas aforas do Distrito Federal. A esta celebración acoden cada ano máis de 4.000 persoas vinculadas a Galicia, converténdoa así nunha das citas lúdicas e sociais máis relevantes da axenda da Galeguidade no mundo.

Trátase dunha iniciativa xa tradicional do Centro Galego de México, presidido por Florencio Gulías, con máis dun século de existencia, e un dos grandes referentes da Galeguidade no mundo pola súa sustentabilidade social e económica, ademais de polo seu carácter de institución formadora e solidaria entre os galegos e as galegas residentes en toda a nación azteca.

O Centro conta cunha sede central de case 4.000 metros cadrados sita nun antigo pazo de mediados do pasado século, con diversas instalacións culturais e recreativas, entre elas un salón multiusos de máis de 1.500 metros cadrados, que Miranda percorreu antes de reunirse coas socias e socios, e coa xunta directiva da institución.

Ademais, o Centro tamén é propietario doutra parcela a corenta quilómetros do centro da cidade –aínda no D.F.-, de índole máis lúdica e deportiva, con cen mil metros cadrados, onde hoxe se desenvolve a Festa Campestre, na que Miranda transmitiu novamente á comunidade galega en México o afecto e admiración das cidadás e os cidadáns da Galicia territorial.

Galegas e galegos en México
Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2017, residen arestora nos Estados Unidos de México un total de 13.808 galegas e galegos, dos que 10.643 (é dicir, o 77’08 por cento) naceron xa na diáspora. A comunidade galega é unha das máis activas e socialmente relevantes na sociedade de recepción, e entre as e os seus membros cóntanse figuras moi influentes dos ámbitos educativos e empresariais.

O secretario xeral destacou “a importante achega ao país de acollida e á súa terra de orixe dos galegos asentados en México. O papel do emigrante galego foi fundamental para a construción, desenvolvemento e progreso de México, pero simultaneamente mantiña os vínculos intactos coa súa terra de orixe, facendo unha importante achega cara o modernización da nosa sociedade. Un expoñente clave da capacidade de plena integración sen renunciar ás orixes”.

2389 lecturas