O Metropolitan de Nova York acolleu este sábado a presentación da maqueta virtual da catedral románica de Santiago do Ano 1211.

A presentación enmárcase dentro dunha serie de actividades do Museo que, co título Sunday at MET, dedica algúns dos domingos do ano a tratar un tema de xeito monográfico, mediante conferencias, concertos e outras actividades. Nesta ocasión acollerá o proxecto “Celebrating the Cathedral of Santiago de Compostela”.

O director xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos, abordou nesta sesión aspectos como o significado de Xacobeo 2010 ou a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral Románica de Santiago de Compostela, que se celebrará o vindeiro ano.

Dentro da programación exterior de Xacobeo 2010, o MET acolleu entre o 1 de outubro e o 12 de novembro un ciclo de conferencias, inaugurado polo conselleiro Roberto Varela, nas que investigadores americanos de recoñecido prestixio abordaron temas relativos a Galicia, o Camiño de Santiago e a Catedral compostelá.

Listen to this page using ReadSpeaker
15 de novembro de 2010.

O director xerente do S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, Ignacio Santos Cidrás, asistiu esta fin de semana no Metropolitan Museum of Art of New York (MET) ao acto de presentación dun proxecto didáctico e divulgativo que inclúe unha maqueta virtual da Catedral Románica de Santiago e a súa contorna no ano 1211. Na súa intervención, Ignacio Santos abordou aspectos como o significado de Xacobeo 2010 ou a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral Románica de Santiago de Compostela que se celebrará o vindeiro ano.

Nesta sesión, que se celebrou no auditorio principal do MET (The Grace Rainey Rogers Auditorium), tamén interviron os responsables deste traballo realizado polo Experimental Technologies Center da University of California (UCLA), en Los Ángeles. A dirección do proxecto corre a cargo do director desta institución académica, John Dagenais; co asesoramento científico de John Williams, historiador de arte (Universidade de Pittsburg); Fernando López Alsina, historiador da Universidade de Santiago de Compostela (USC), e José Suárez Otero, arqueólogo da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Trátase da reconstrución virtual da Catedral de Santiago e a súa contorna urbana tal e como estaba no momento da consagración da igrexa románica, algo que aconteceu en 1211. Inclúe, asemade, unha reconstrución virtual, en proceso, das igrexas prerrománicas que conformaron o Santuario de Santiago antes da construción da catedral románica. Esta reconstrución, que se pode contemplar na páxina web http://www.etc.ucla.edu/research/projects/compostela.htm foi xa presentada con moi boa acollida en diversos encontros e congresos en cidades como Michigan, Chicago, Toronto ou Los Ángeles.

A presentación enmárcase dentro dunha serie de actividades do Museo que, co título "Sunday at MET" dedica algúns dos domingos do ano a tratar un tema de xeito monográfico, mediante conferencias, concertos e outras actividades. Nesta ocasión acollerá o proxecto Celebrating the Cathedral of Santiago de Compostela.

Este acto estivo acompañado por un concerto de música medieval, relacionada coa basílica de Compostela e a peregrinación xacobea na Idade Media, incidindo na época de esplendor do fenómeno xacobeo, momento que corresponde coa Catedral representada nesta reconstrución virtual. Este concerto celebrarase hoxe sábado na Fuentidueña Chapel, ubicada na parte do museo coñecida como The Cloisters e dedicada á arte medieval.

Ciclo de conferencias no Camiño da Reflexión
A presentación deste proxecto de carácter didáctico e divulgativo foi o broche de ouro ao ciclo de conferencias que se ven celebrando desde o 1 de outubro no Metropolitan Museum of Art of New York (MET). Estas conferencias, que foron inauguradas polo conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela, trataron sobre o Camiño de Santiago, a Catedral compostelá e Galicia como destino turístico, e están incluídas dentro da programación exterior da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo. Asemade, estes eventos forman parte dos primeiros pasos para a conmemoración do VIII Centenario da Consagración da Catedral Románica de Santiago de Compostela orientados á promoción do Camiño de Santiago, a Catedral e de Galicia como destino turístico.

A celebración destas iniciativas nun dos máis destacados e emblemáticos museos de arte do mundo, ten como finalidade atraer un mercado turístico estratéxico para Galicia como é o estadounidense. Estas xornadas inclúense dentro da política de internacionalización e promoción da cultura galega que está a desenvolver desde a Consellería de Cultura e Turismo, e que ten como obxectivo converter a Galicia e a Santiago de Compostela nun centro de referencia do panorama artístico e cultural a nivel mundial. Promovidos pola S.A. de Xestión do Plan Xacobeo, en colaboración co Metropolitan Museum Art of New York, os actos celebraronse nos edificios principal do museo, situado na Quinta Avenida de Manhattan, e en The Cloisters, no Fort Tryon Park, no norte da citada illa.

1491 lecturas