O especial “Historias de ida e volta” de xuño destaca o legado educativo do emigrante filántropo Pedro Murias

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal
Alumnado da Escola Agrícola Pedro Murias posan diante do edificio principal
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 24 de xuño de 2022.

A entrega de xuño do especial Historias de ida e volta, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, céntrase, nesta ocasión, no legado educativo de Pedro Murias, emigrante  destacado pola súa acción filantrópica no eido educativo. 

Este proxecto  fai un repaso en vinte imaxes e documentos que se gardan no AEG do legado desde home no que destaca a pioneira escola agrícola que leva o seu nome.

Pedro Murias (Devesa, Ribadeo, 1840-A Habana, 1906) foi un emigrante de orixe humilde que emigrou a Cuba onde amosou o seu talento como home de negocios no sector da industria do tabaco. Comezou sendo aprendiz de oficio nos “chinchales” -talleres artesáns con poucas  e poucos operarios-, ata se converter nun experto torcedor de tabaco. Chegou a ser fabricante e propietario de grandes extensións de terra dedicada ao cultivo de tabaco, minas de ferro e cría de gando. Pedro Muras diversificou os seus investimentos en diferentes sectores: transporte marítimo costeiro, inmobiario, fabricacion de cervexa....

A escola agrícola
A figura de Pedro Murias non só destacou por formar parte da elite empresarial da illa de Cuba, senón tamén polo legado deixado na súa terra. Destinou parte da súa riqueza á creación dun centro de ensino que levaría o seu nome:  Escola Agrícola Pedro Murias. Foi un centro pioneiro, enfocado a abrir o acceso e abano de posibilidades para os rapaces da Devesa. O ingreso na escola garantía a experiencia directa do alumnado nos labores do agro e os coñecementos prácticos ían engarzados de xeito directo cos teóricos. Esta metodoloxía facía que a aprendizaxe se consolidase sobre os terreos dedicados a tal fin, seguindo de xeito directo todos os procesos, desde a composición e preparación da terra, plantar as sementes, sistemas de rego e drenaxe, ata a colleita dos froitos. En canto á cría dos animais, o seu manexo nas granxas, alimentación e aproveitamento tamén formaban parte do proceso ensino-aprendizaxe do alumnado. A construción da escola financiouse tal e como Murias deixou escrito no seu testamento.

Nesta entrega, que fai a número vinte, pódese reconstruír a súa historia a través de imaxes del, de negocios seus como Le Meridiana, e mesmo unha fotografía do seu testamento. Nela pódese ler que destina os cartos para a construción da escola “para contribuir al mayor adelantamiento agrícola de mi patria”. No especial hai imaxes tanto do proceso de construción do recinto escolar que levou o seu nome coma do monumento que lle dedicaron. 

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial Historias de ida e volta para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 20 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

249 lecturas