O especial “Historias de ida e volta” de maio achega a literatura galega da posguerra en América

Este especial é un proxecto web realizado pola Secretaría Xeral da Emigración e o Consello da Cultura Galega, que ofrece fotografías e documentos que axudan a entender as novas realidades migratorias a América dos anos centrais do século XX.

A entrega 19ª fai un repaso por algunhas das obras e figuras máis destacadas da nosa literatura xurdidas no continente americano
A entrega 19ª fai un repaso por algunhas das obras e figuras máis destacadas da nosa literatura xurdidas no continente americano
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 27 de maio de 2022.

A entrega de maio do especial “Historias de ida e volta”, un proxecto web realizado polo Consello da Cultura Galega (CCG) en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, céntrase, nesta ocasión, na literatura galega da posguerra en América

A nova entrega do especial "Historias de ida e volta" sitúanse no ronsel da figura do homenaxeado deste ano co Día das Letras Galegas, o galeguista e exiliado en México, Florencio Delgado Gurriarán. Por iso, a entrega número 19 do proxecto do Arquivo do Emigración (AEG) do Consello da Cultura Galega (CCG), co apoio da Secretaría Xeral da Emigración, fai un repaso por algunhas das obras e figuras máis destacadas da nosa literatura xurdidas no continente americano.

América xogou un papel destacado no mantemento da literatura galega na posguerra grazas á colectividade emigrada e ás e aos intelectuais exiliados que conseguiron acubillo alén mar. Na nova entrega deste especial dáse conta desta actividade a través de vinte imaxes e documentos que permiten entender a importancia de Bos Aires, principal centro da actividade editorial en galego onde Luís Seoane foi un referente. Nel, o especial “tamén destaca a grande influencia que tiveron Castelao e a súa obra como símbolo e guieiro do galeguismo tras a guerra”.

Outro foco cultural galego de relevo deuse en México, arredor da Irmandade Galeguista e o grupo Saudade, que editou a revista homónima. Destacaron polo seu labor cultural os poetas Florencio Delgado Gurriarán, homenaxeado este ano co Día das Letras Galegas e que serve de pretexto deste especial. Neste outro foco tamén destacaron outros nomes coma o de Ramón Cabanillas e Luís Soto, que crearon, xunto co xornalista Ramiro Illa Couto, a revista Vieiros. En México tamén se organizou o Padroado da Cultura Galega, que realizou un destacado labor editorial.

Montevideo, Caracas e Estados Unidos foron tamén outros focos destacados vinculados a diferentes colectividades alí asentadas. 

O especial tamén destaca que “co paso dos anos as relacións entre a Galicia do exterior e o grupo de intelectuais do chamado “exilio interior” vanse facendo máis estreitas e fluídas. Aínda que con diferenzas ideolóxicas, primou o interese na defensa da nosa cultura e a amizade de moitas e moitos deles. En América publicábanse obras en galego que estaban prohibidas ou censuradas aquí; dende alí chegaban remesas que impulsaban iniciativas culturais e publicacións de revistas e obras literarias”. 

Historias de ida e volta
O Consello da Cultura Galega, en colaboración coa Secretaría Xeral da Emigración, mantén o especial 'Historias de ida e volta' para dar a coñecer materiais que documentan o fenómeno migratorio. En 18 entregas documentáronse os procesos de saída, chegada, a vida social e cultural... diferentes procesos para explicar todo o ciclo migratorio a partir dos materiais que custodia o Arquivo da Emigración Galega.

175 lecturas