O DOG publica os convenios de Igualdade para as casas de acollida, programas contra a trata e servizo de teletradución para os CIM

Supoñen un orzamento de 230.000 euros destinados á rede galega de acollemento a mulleres vítimas de violencia de xénero e aos seus fillos e fillas menores e de 269.000 euros para o programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual.

Listen to this page using ReadSpeaker

Xunta de GaliciaO DOG publica hoxe os convenios de colaboración da Secretaría Xeral da Igualdade relativos ao mantemento das casas de acollida para mulleres vítimas de violencia, ao programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual e á instalación dun servizo de teletradución a 51 idiomas nos centros de información á muller, que foron asinados durante o segundo cuadrimestre deste ano.

O alcance dos convenios coas casas de acollida abrangue a toda a rede galega de acollemento, integrada por cinco casas de titularidade municipal, localizadas na Coruña, Culleredo, Ferrol, Lugo e Ourense. Estes convenios da Secretaría Xeral da Igualdade cos respectivos concellos, publicados hoxe no DOG, garanten o funcionamento dos centros de acollida de titularidade municipal mediante a achega dun orzamento de 230.000 euros, destinados a financiar os gastos de funcionamento e de persoal, formado por psicólogas, avogadas, traballadoras sociais e educadoras sociais.

Esta rede de acollemento supón un espazo de protección para as vítimas ante a situación de indefensión ou risco, no que residen por un periodo medio de tres meses, prorrogable se as circunstancias así o aconsellan, garantindo un tratamento integral de atención e recuperación para favorecer a normalización e a superación dos efectos da violencia.

Programa contra a trata de mulleres con fins de explotación sexual
O segundo grupo de convenios publicado hoxe no DOG refírese ao programa de atención a mulleres inmigrantes en situación de prostitución ou trata con fins de explotación sexual, que financia Igualdade cun orzamento para este ano de 269.000 euros, destinado ás nove entidades e ONGs que traballan en Galicia neste ámbito.Trátase de Cruz Vermella, os Centros Vagalume e Alumar de Cáritas de Santiago e de Ourense, o Centro O Mencer das Oblatas de Ferrol, Adoratrices de Ourense, a Asociación da Comisión Católica Española de Migración (ACCEM), Médicos del Mundo, a Asociación Ecos do Sur e a Asociación Faraxa.

Estes convenios dan continuidade ao programa iniciado en 2010, no marco do protocolo asinado entre a Xunta e a Fiscalía Superior de Galicia, para reforzar e ampliar os servizos que cada unha destas entidades xa presta a estes colectivos de mulleres.

Teledradución a 51 idiomas nos CIMs
Asemade, o DOG publica outra serie de convenios, sen contido económico, entre Igualdade e un grupo de concellos para incorporar nos seus centros de información á muller un servizo de teletradución a 51 idiomas, cuxo custo asume Igualdade. Dende a posta en marcha deste servizo hai agora un ano, un total de 57 CIMs en Galicia prestan xa esta atención multilingüe para usuarias estranxeiras.

781 lecturas