O DOG publica hoxe a segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para incrementar a atracción de talento do exterior

O programa está dirixido a licenciados universitarios menores de 40 anos nacidos en Galicia ou aos seus descendentes

A contía das axudas oscilan entre os 7.000 e os 11.475 euros en función do país de procedencia e a duración do mestrado

O prazo para presentar solicitudes remata o 31 de maio, e os aspirantes deberán formalizar simultaneamente a matrícula na universidade elixida

O DOG publica hoxe a segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para incrementar a atracción de talento do exterior
O DOG publica hoxe a segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) para incrementar a atracción de talento do exterior
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago, 5 de marzo de 2018.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) vén de publicar as bases da segunda convocatoria das Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME), o programa máis novidoso da Secretaría Xeral da Emigración, que persigue atraer os mellores currículos a Galicia para que estuden un mestrado nalgunha das tres universidades públicas da comunidade.

A iniciativa, posta en marcha o ano pasado, está dirixida tanto a emigrantes galegos como aos seus descendentes menores de 40 anos residentes no estranxeiro. Os aspirantes deben ter nacionalidade española, ser emigrante nacido en Galicia ou que residira en Galicia de forma continuada durante 10 anos con nacionalidade española antes de emigrar ou ser descendente por consanguinidade dunha destas persoas e ter nacido no estranxeiro, creditar un mínimo de dous anos de residencia no exterior inmediatamente anteriores á data da presentación da solicitude, e estar en posesión dalgún título universitario de grao, arquitecto/a, enxeñeiro/a, licenciado/a, arquitecto/a técnico, diplomado/a, enxeñeiro/a técnico ou outro expresamente declarado equivalente. No caso das persoas nacidas no estranxeiro, debe estar vinculado a un concello galego.

Selección de mestrados

A selección dos mestrados incluídos nesta segunda convocatoria do programa, baseada en criterios exclusivos de empregabillidade, incrementa a oferta respecto ao ano pasado, e incorpora algunhas novidades. A duración dos mestrados varía en función do número de créditos universitarios que leven asociados. Así, os de 60 créditos teñen unha duración dun ano escolar, e os de 72 e 90, de ano e medio. Ademais, durante a súa estancia en Galicia  os beneficiarios das BEME contarán con asesoramento e orientación laboral de cara a poder comezar ou consolidar a súa traxectoria profesional en Galicia.

O prazo para presentar a solicitude remata o vindeiro 31 de maio, e a listaxe de aspirantes por orde de puntuación publicarase no mes de xullo. A relación provisional de candidatos aceptados será anunciada, pola súa banda, en agosto.

Dúas oportunidades nunha

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, lembrou que esta “non é só unha gran oportunidade para que os mozos do exterior se acheguen á  terra dos seus país e avós e regresen a ela como proxecto de vida, senón que tamén un valor único para contribuír a frear o problema demográfico que sufre Galicia, que tanto precisa da nosa poboación nova nestes momentos”.

O obxectivo final que perseguen estas bolsas é a de recuperar o talento galego emigrado nesta xeración ou nas anteriores e conseguir que se establezan definitivamente na comunidade galega, xa que os descendentes de galegos residentes no exterior son, hoxe máis ca nunca, unha oportunidade dun inmenso valor engadido para que Galicia poida salvar o reto demográfico que se lle presenta. Lograrase así, por unha banda, atraer aos galegos máis cualificados para incorporalos ao mercado laboral e dinamizar a economía galega, e por outra, contribuír a rexunevecer a poboación galega coa chegada de mozos en idade laboral, ademais de garantir un dereito que teñen todos os galegos que, por unha razón ou outra, viven fóra da comunidade, o do retorno.

Balance da primeira convocatoria

A contía das bolsas oscila entre os 7.000 e os 11.475 euros en función da duración do mestrado que elixan e o país de procedencia do beneficiario. Os que residan en Europa contarán con 7.000 euros en caso de que o mestrado sexa dun ano de duración e de 10.500 en caso de que sexa de dous. Os procedentes de América, pola súa parte, percibirán 7.650 se elixen un mestrado dun ano de duración e 11.475 se se inscriben nun de ano e medio. Con estas axudas os bolseiros deben sufragarse os gastos da viaxe, a matrícula, a estancia en Galicia e, no seu caso, do seguro médico.

Na primeira convocatoria destas Bolsas Excelencia Mocidade Exterior (BEME) presentáronse 184 solicitudes, e o interese que está despertando este programa entre a mocidade galega esta ano reflicte unha expectación superior á do ano pasado. Co obxectivo de que todos os galegos no exterior gocen da posibilidade de optar a unha destas axudas, Rodríguez Miranda vén de comezar un percorrido polos países da diáspora con maior volume de poboación galega para celebrar encontros informativos nos que se expoñen as diferentes liñas de axuda que o Goberno galego ofrece aos retornados.

Procedencia dos bolseiros

Das 100 bolsas que se adxudicaron en 2017, 25 foron para galegos residentes en Venezuela, 19 en Brasil, 16 na Arxentina, 8 no Reino Unido, 7 en México, 6 en Uruguai, 6 en Alemaña, 2 en Perú, 2 en Costa Rica, 2 en Cuba 2, e un en Chile, Chipre, Francia, Panamá, Polonia e Suíza, respectivamente.

Mesmo antes de abrir o prazo son xa máis de medio millar as peticións de información que ten recibido a Secretaría Xeral da Emigración desde todas as partes do mundo en relación á segunda convocatoria do programa. Os interesados poderán solicitar algunha destas bolsas a partir de mañá.

6197 lecturas