O DOG publica axudas por valor de 2,3 M€ para que entidades sen ánimo de lucro ofrezan atención a mulleres vulnerables, nas que se inclúen as emigrantes retornadas, e axuden á conciliación

Poden optar a estes apoios entidades sen ánimo de lucro que traballen con mulleres especialmente vulnerables e que desenvolvan accións de conciliación.

A resolución conta cunha primeira liña dotada con 1,8 millóns para financiar actuacións para atender, entre outras, vítimas da violencia de xénero, de explotación sexual, laboral ou de trata, inmigrantes, emigrantes retornadas, refuxiadas ou reclusas.

Destínanse outros 500.000 euros a accións que faciliten a conciliación das familias galegas con menores a cargo de ata 16 anos.

O prazo de solicitude destas axudas estará aberto do 21 de febreiro ao 20 de marzo
O prazo de solicitude destas axudas estará aberto do 21 de febreiro ao 20 de marzo
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 20 de febreiro de 2024.

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe axudas da Xunta, cun orzamento de 2,3 millóns de euros, para apoiar programas que realicen as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro destinados a mulleres en situación de especial vulnerabilidade e a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade das familias galegas con menores de ata 16 anos.  

Dun lado, apoiarase con 1,8 millóns de euros a posta en marcha de programas específicos desenvolvidos polas entidades beneficiarias e dirixidos en exclusiva a mulleres en situación de especial vulnerabilidade: vítimas de violencia de xénero, de explotación sexual-laboral, inmigrantes, emigrantes retornadas ou refuxiadas, pertencentes a unha minoría ou reclusas, entre outras.

Cada entidade poderá recibir, ao abeiro desta primeira liña, achegas máximas de ata 40.000 euros, coas que poderán financiar os programas, que prevén recursos específicos para mulleres en situación de vulnerabilidade xestantes ou lactantes -con fillos ou fillas menores de tres anos- para axudalas a promover o seu desenvolvemento persoal, familiar e laboral e a súa autonomía.

Entre as iniciativas, poderán recibir apoio, tamén, as accións de atención personalizada e especializada no eido da atención psicolóxica, o asesoramento xurídico, a mediación, a adquisición de habilidades persoais e sociais ou a orientación laboral.

As actuacións deberán ter en conta o diferencial feminino e o fomento da igualdade de oportunidades como elemento básico da atención.

O obxectivo último é que as destinatarias finais poidan mellorar o seu futuro tanto no ámbito persoal como social e laboral.  

Os programas que reciban financiamento por esta primeira liña deberán desenvolverse entre o 1 de setembro de 2023 e o 31 de agosto de 2024.

Apoios á conciliación
A segunda liña da convocatoria hoxe publicada no DOG está dotada con 500.000 euros para apoiar actuacións que desenvolvan as entidades de iniciativa social sen ánimo de lucro orientadas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade das familias galegas con menores a cargo de ata 16 anos de idade.

Darase carácter prioritario á atención ás familias monoparentais, vítimas de violencia de xénero e doutras formas de violencia contra a muller, mulleres en situación de desemprego de longa duración, mulleres maiores de 45 anos ou a unidades familiares nas que existan outras cargas relacionadas cos coidados.

As achegas, que se artellan con cargo ao Plan Corresponsables, perseguen crear bolsas de coidado profesional (para prestar no domicilio ou en dependencias públicas) cunha axuda máxima por entidade de 40.000 euros. No mesmo marco ofrécese sufragar plans de formación e sensibilización en corresponsabilidade destinados aos homes e as familias cun importe máximo de ata 10.000 euros.   

Neste caso, serán subvencionables os gastos xerados entre o 1 de outubro de 2023 e o 30 de setembro de 2024.

É a primeira vez que a Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade unifica nunha soa convocatoria estas dúas liñas de axudas, que se poden solicitar desde mañá e ata o próximo 20 de marzo de 2024.

227 lecturas