Miranda informou da aposta polo investimento social do seu departamento na Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas

O secretario xeral da Emigración presidiu a primeira das xornadas de traballo do máximo órgano de representación da diáspora, encontro que clausura mañá o Presidente da Xunta.

Imaxe da reunión que deu comezo esta mañá
Imaxe da reunión que deu comezo esta mañá
Listen to this page using ReadSpeaker
Nogueira de Ramuín (Ourense), 28 de maio de 2015.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, presidiu a primeira das xornadas da xuntanza anual da Comisión Delegada do Consello de Comunidades Galegas, que está a desenvolverse no Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil, na Ribeira Sacra. Na xornada de mañá o Presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, clausurará o encontro da Comisión Delegada.

Tralo saúdo do alcalde da localidade anfitrioa, José César Parente, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, comezou esta primeira xornada de traballo expoñendo as liñas fundamentais de actuación do seu departamento neste ano 2015, no que o investimento social foi a prioridade no deseño orzamentario do departamento: “O esforzo que Galicia e o seu Goberno están a realizar para axudar a aqueles que máis o necesitan, nestes tempos de dificultades económicas, tense trasladado de igual maneira á Galicia do Exterior”, segundo salientou Miranda.

Así, o secretario xeral destacou que, ademais de manter, e mesmo incrementar nalgún caso, as contías económicas practicamente inalteradas respecto a exercicios pasados no relativo a axudas directas a comunidades e individuos, se teñen rexistrado importantes adiantos cronolóxicos na convocatoria e resolución das ordes de axuda e subvencións tanto a comunidades galegas como a individuos galegos e galegas no Exterior.

Destaca Miranda que “avanzar na velocidade de execución dese orzamento social é traballar arreo por quen máis precisa a eficacia da Adminsitración. Tódalas ordes de axuda están practicamente resoltas a estas alturas do ano, de maneira que eses cartos que a Xunta destina ás e aos cidadáns do Exterior que máis o necesitan, son recibidos por estes nun menor prazo de tempo”.

Preparación do plenario
Ademais do informe do secretario sobre a actuación do seu departamento, informouse ás e aos membros da Comisión do estado actual de tramitación do proxecto de Decreto polo que se aproba o regulamento de organización e funcionamento do Consello de Comunidades Galegas. Precisamente, o Consello da Xunta estuda esta mañá o texto, co obxectivo de elevalo ao Consello Consultivo.

Tamén se deu conta de aspectos que forman parte das novas responsabilidades que, por desenvolvemento da nova Lei de Galeguidade, asume a Comisión Delegada, entre elas o estudo dos relatorios que formarán parte do plenario do Consello de Comunidades Galegas (xuntanza de tódolos centros e casas de Galicia con recoñecemento de Galeguidade de todo o mundo), que se celebrará nos vindeiros meses.

Outros aspectos desas novas responsabilidade son a creación de comisións e observatorios específicos, a elaboración de informes preceptivos sobre algún aspecto que considere a Comisión, ou a incorporación de novos membros ao Rexistro das Comunidades Galegas, cuestións que ao longo da xornada son obxecto de análise e debate polos membros da Comisión.

A Comisión Delegada
A Comisión é un órgano, que se reúne polo menos unha vez ao ano, no que delega, por votación, a súa representación o Consello de Comunidades Galegas, formado polo centenar amplo de centros e casas de Galicia con recoñecemento oficial en todo o mundo. Forman parte da Comisión catro membros electos en representación dos centros e casas de Galicia en España, outros catro electos por aqueles con sede en Europa, e outros catro electos polos de América, máis os centros considerados ‘membros natos’: aqueles que superan os 50.000 asociadas e asociados.

En imaxes
1020 lecturas