O concerto "Atlántic@s" promovido por Cultura e Educación emocionou en Arxentina á Comunidade galega e ás e aos participantes en Micsur
Uxía, Rosa Cedrón, Budiño e Narf encheron o Teatro Colón de Mar del Plata na estrea do seu espectáculo musical, no que mesturaron os sons tradicionais coa fusión contemporánea.
O recital, que puxo en pé ás persoas asistentes á Noite Galega no Mercado de las Industrias Culturales del Sur, repetiuse ao día seguinte no Teatro Sha de Bos Aires.
Os artistas galegos Uxía, Rosa Cedrón, Budiño e Narf estrearon en Mar del Plata (Arxentina) o espectáculo Atlántic@s, promovido pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para celebrar a ‘Noite Galega’ dentro do programa do Mercado de las Industrias Culturales del Sur (MICSUR). O concerto supuxo o colofón musical á participación da delegación empresarial e institucional galega desprazada estes días ao encontro cultural e comercial que aglutina os dez países latinoamericanos de Mercosur.
As e os músicos conseguiron encher e poñer en pé o Teatro Colón de Mar del Plata, que rexistrou unha elevada asistencia de membros da comunidade galega nesta cidade e tamén da organización e das persoas acreditadas en MICSUR. Atlántic@s resultou especialmente emotivo para os numerosos espectadores galegos e galegas, que celebraron o desembarco dos músicos en Mar del Plata e entoaron os temas máis populares interpretados por Uxía, a directora artística deste espectáculo.
Durante máis de dúas horas de actuación, o recital engarzou os sons tradicionais cos contemporáneos, o rock da man de Narf, a voz única de Rosa Cedrón e a mestría instrumental de Budiño. O espectáculo, que contou co acompañamento dunha banda formada por Sergio Tannus, Gutier Álvarez e Isaac Palacín, acadou un dos seus momentos culminantes cando Uxía baixou do escenario acompañada polas e polos músicos para cantar entre o público que se atopaba no patio e butacas.
Tras esta triunfante estrea, as e os artistas partiron a Bos Aires, onde a pasada noite realizaron outro pase de Atlántic@s no Teatro Sha da capital arxentina. Alí, unha vez máis, as influencias culturais entre Galicia e Arxentina estiveron presentes en todo momento.
Atlántic@s é un dos froitos obtidos no marco de desenvolvemento conxunto e de colaboración institucional xerado en MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas, celebrado en novembro de 2013 no Gaiás-Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela, organizado polo Goberno de la Nación Arxentina e pola Xunta de Galicia.
Novas relacionadas




