Cultura e Educación reforza o apoio á internacionalización da industria cultural galega cunha convocatoria de axudas para a asistencia ao Micsur de Mar del Plata

A Consellería destina un orzamento total de 20.000 euros a sufragar parte dos gastos da viaxe e a estadía en Arxentina das compañías galegas convidadas especificamente pola organización do Mercado de Industrias Culturales del Sur.

Galicia terá un protagonismo especial como único país fóra do Mercosur participante neste encontro, que terá lugar do 14 ao 18 de maio.

O DOG publica hoxe as bases destas subvencións, que poden solicitarse desde mañá e ata o 22 de maio

Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 22 de abril de 2014.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca unha liña específica de axudas para apoiar a asistencia de empresas galegas ao primeiro Mercado de Industrias Culturais del Sur (MICSUR), que se desenvolverá do 14 ao 18 de maio na cidade arxentina de Mar del Plata. O departamento que dirixe Xesús Vázquez Abad destina un total de 20.000 euros a estas subvencións, a través das que se busca reforzar especialmente a internacionalización das industrias creativas galegas naqueles mercados cos que compartimos vínculos históricos e culturais.

De feito, Galicia terá un protagonismo moi activo na primeira edición de MICSUR como único territorio fóra dos dez países latinoamericanos que integran Mercosur que foi convidado ao encontro, no que participará a través dunha delegación empresarial e dun concerto colectivo baixo a dirección artística de Uxía Senlle.

Co obxectivo de garantir unha importante presenza galega nesta cita, Cultura e Educación abre a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) esta nova convocatoria, á que poden optar persoas físicas e xurídicas de carácter privado, con ou sen ánimo de lucro, dedicadas profesionalmente á produción ou distribución de bens ou servizos culturais e con establecemento operativo en Galicia, que sexan convidadas especificamente pola organización de MICSUR.

Gastos subvencionables
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe as bases das axudas, que se poderán solicitar desde mañá mércores 23 e ata o xoves 22 de maio. Os candidatos poden optar a unha axuda máxima de 1.000 euros por entidade, tendo en conta ademais que a contía máxima das subvencións será do 50% dos gastos subvencionables: viaxes de avión, aloxamento e mantenza durante un máximo de seis días.

O obxectivo de MICSUR, no que están representados os sectores da música, o audiovisual, artes escénicas, deseño e artesanía, videoxogos e editorial, é desenvolver corredores comerciais, promover sinerxías de traballo común e impulsar o intercambio entre as canles de creación, produción e distribución de produtos culturais, así como xerar unha oferta compacta para a participación en feiras, festivais e encontros internacionais. Galicia intégrase neste núcleo como resultado dos acordos acadados na primeira edición de MICAtlántica, o Mercado das Industrias Culturais Atlánticas que se celebrou en Santiago de Compostela o pasado mes de novembro, organizado conxuntamente pola Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, e a Secretaría de Cultura da Nación Arxentina.

Coa presenza de Galicia en Mar del Plata, a Consellería de Cultura dota de continuidade o seu proxecto global de internacionalización dos nosos produtos e servizos culturais e materializa en accións concretas os lazos que unen a nosa Comunidade con Latinoamérica no eido das industrias culturais e creativas. Neste caso, as compañías galegas convidadas terán a oportunidade de estreitar lazos comerciais e artísticos cos seus pares nos dez países participantes: Arxentina, Brasil, Colombia, Chile, Ecuador, Bolivia, Perú, Uruguai, Paraguai e Venezuela.

Ademais, o apoio á asistencia a MICSUR vén a ampliar a liña de axudas que a Consellería de Cultura e Educación desenvolve anualmente a través da Agadic para a distribución exterior de bens e produtos de consumo cultural producidos por empresas profesionais galegas. Esta convocatoria, inserida no programa xeral de subvencións ás industrias culturais, diríxese tanto á exhibición fóra de Galicia de espectáculos escénicos e musicais, como á asistencia a feiras e mercados profesionais.

En imaxes
747 lecturas