O Concello de Barreiros organiza o ciclo "Cinema e emigración", que se proxectará polas parroquias
Deu comezo o pasado venres, organizado polo concello lucense coa colaboración do Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Proxectaranse catro películas polas distintas parroquias do concello.
O pasado venres 11 de xaneiro dou comezo en Barreiros o ciclo Cinema e emigración, que organiza este Concello da Mariña lucense. Está prevista a proxección de varias películas, vencelladas coa emigración, polas distintas parroquias do termo municipal.
Esta actividade forma parte dun proxecto máis amplo de recuperación da memoria histórica do concello, que xurdiu a raíz do traballo en prácticas desenvolvido por un grupo de alumnos e almunas do curso de dinamización comunitaria: Carmen Mª García Moreda, Rafa Pedrosa e Silvia Fiallega Lorenzo. Segundo explican “este grupo de traballo decidiu tomar como cerne da súa elaboración teórica a idea da recuperación integral da memoria histórica, coma un medio de priorizar a salvagarda e a revalorización do patrimonio inmaterial deste concello, é dicir, das lembranzas e dos saberes das súas xentes, contribuíndo deste xeito a xerar unha dinámica de autoxestión do coñecemento da historia local. Porque a historia é unha construción colectiva, a suma das vidas de todos os que formamos parte dunha comunidade e o que nos define como grupo. Afondar na raizame dun pobo contribúe a consolidar os seu piares como sociedade e determina a súa identidade”.
Os filmes seleccionados para este ciclo, excepto Mamasunción, son películas feitas no período da grande emigración, que serviron de correspondencia entre as galegas e os galegos de aquí e as e os de acolá. Estes fondos foron restaurados polo CGAI. “O que se pretende coa súa proxección é espertar os recordos que a emigración sen dúbida deixou neste concello, fondamente marcado pola diáspora, para darlle unha oportunidade ás persoas que se acheguen a velas de contar a súa propia historia e a dos seus devanceiros. Con estas testemuñas e toda a documentación que poidan aportar pretende ser o punto de saída dun fondo documental sobre a emigración barreirense”.
Os filmes que se proxectarán no ciclo son: Nuestras fiestas de allá (1928) de José Gil; Galicia y Buenos Aires (1931) de José Gil; Un día na vida do centro galego de Buenos Aires (1960) de Elixio González; e Mamasunción (1984) de Chano Piñeiro.
As datas e horas das proxeccións son as seguintes:
- 11 xaneiro, 19,00 h., Antiga Escola Santiago de Reinante
- 18 xaneiro, 19,00 h., O Canteiro de San Pedro de Benquerencia
- 20 xaneiro, 16,00 h., Centro Social de Vilamartín Grande
- 26 xaneiro, 21,00 h., Escolas de Celeiro de Mariñaos
- 27 xaneiro, 17,00 h., Centro Social San Xusto de Cabarcos
O ciclo Cinema e emigración está organizado polo Concello de Barreiros en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe.
Fonte: weblog.benquerencia.info
Novas relacionadas




