O AEG vén de publicar o "Catálogo das publicacións periódicas da colectividade galega na emigración"

Trátase dun primeiro instrumento de descrición das publicacións conservadas polo Arquivo da Emigración Galega en diferentes soportes (papel, dixitalizadas, microfilmadas, etc.).

Atópanse cabeceiras editadas en Arxentina, Bolivia, Chile, Canadá, Costa Rica, Cuba, Uruguai, Estados Unidos, Brasil, Holanda, España, Suíza, Francia, Alemaña, etc...

Catálogo das publicacións periódicas da colectividade galega na emigración. Foto: Consello da Cultura Galega
Catálogo das publicacións periódicas da colectividade galega na emigración. Foto: Consello da Cultura Galega
Listen to this page using ReadSpeaker
Santiago de Compostela, 3 de xaneiro de 2013.

O Arquivo da Emigración Galega (AEG) vén de poñer á disposición das e dos seus usuarios este Catálogo das publicacións periódicas da colectividade galega na emigración. Trátase dun primeiro instrumento de descrición das publicacións conservadas polo AEG en diferentes soportes (papel, dixitalizadas, microfilmadas, etc.). Con este catálogo preténdese facilitar a localización das publicacións periódicas ás e aos investigadores interesados na temática emigratoria, pero tamén serve como un instrumento de difusión dos fondos hemerográficos do AEG.

O Arquivo da Emigración Galega, desde a súa creación, está levando a cabo unha intensa labor de recuperación das publicacións editadas na emigración (ben a través da microfilmación, reprodución xerográfica ou por doazóns das sociedades de emigrantes, institucións ou de particulares) que se atopan nas súas instalacións como obras de consulta para os estudiosos e as estudiosas dos fenómenos migratorios. A maior parte tratan sobre a emigración galega, estando realizadas por e para as e os emigrantes, aínda que tamén aparecen numerosas publicacións da colectividade española ou doutras colectividades emigrantes.

Xeograficamente, ao igual que a emigración galega, as publicacións proceden de numerosos países, tanto europeos como americanos, así como doutras zonas de España; destacan cuantitativamente (non só polo número de cabeceiras senon que en moitos casos dispoñemos de gran parte da edición das principais publicacións galegas) as editadas na Arxentina, Cuba, Uruguai, Estados Unidos ou Brasil, etc.; en Europa, Suíza, Francia, Alemaña e sobre todo España, destacando as publicadas en Cataluña, País Vasco, ou Madrid, principais lugares de asentamento dos galegos na Península ao longo do século XX.

Cronoloxicamente, comprenden desde as primeiras publicacións editadas pola colectividade galega fóra de Galicia, como El Eco de Galicia (A Habana, 1878), La Ilustración Gallega y Asturiana (Madrid, 1879), El Gallego (Bos Aires, 1879) ata as revistas e boletíns sociais que se seguen a publicar na actualidade ou prensa actual dirixida á colectividade emigrante/inmigrante.

 

Fonte e foto: Consello da Cultura Galega

1047 lecturas