Unha nova etapa para o Centro Gallego de Santa Fe

Dende hai dous anos a entidade atravesa un período de normalización institucional, despois de varios anos de desidia e abandono.

O edificio da Avda. Galicia 1357 acolle hoxe actividades sociais, culturais, deportivas, artísticas e recreativas
O edificio da Avda. Galicia 1357 acolle hoxe actividades sociais, culturais, deportivas, artísticas e recreativas
Listen to this page using ReadSpeaker
Santa Fe (Arxentina), 5 de xaneiro de 2014.

O Centro Gallego, mediante un comunicado, agradeceu a todas as entidades oficiais, privadas e a todas aquelas persoas que lle tributaron o seu apoio e colaboración durante as dúas últimas tempadas, a partir da normalización institucional, logo de varios anos de abandono e desidia.

Cabe recordar que o 7 de outubro de 2012, o intendente José Corral e o titular do Centro Galego de Santa Fe, Faustino Pereira Domínguez, na sede da Avda. Galicia 1357 rubricaron un acordo de mutua colaboración para o funcionamento do devandito complexo.

O compromiso asinado entón consistiu na realización de diversas actividades sociais, culturais, deportivas, artísticas e recreativas a cargo do municipio capitalino e a posta en valor das instalacións para favorecer a entidade de descendentes hispanos da Rexión Noroeste (provincias da Coruña, Ourense, Lugo e Pontevedra).

Entre as obras concretadas polo municipio figuran a remodelación do paredón oeste da entrada principal, incluíndo reixas -que sufriran serias consecuencias con motivo dun fenómeno meteorolóxico acontecido o ano pasado- e a moderna iluminación que posúe actualmente o citado edificio histórico de Santa Fe.

Os proxectos
"A entidade continuará loitando para poder concretar o enreixado do sector este do paredón sobre a Avenida Galicia, que enchería de orgullo todos os asociados, simpatizantes, amigos e veciños do barrio Juan Bautista Alberdi, emprendemento de suma importancia e transcendencia para o futuro da institución," destacaron.

Outro dos anhelos posibles das súas autoridades consiste en poder levar adiante no noroeste do predio un pequeno parque infantil con xogos para os máis pequenos e as máis pequenas e con bancos que servirían de descanso ás e aos membros da terceira idade.

Debe citarse, en forma especial, que a Xunta de Galicia concedeu ao Centro Galego de Santa Fe unha axuda económica consistente na suma de 22 mil euros, que foron destinados á refuncionalización dos sanitarios, da biblioteca e da secretaría da institución, coa respectiva rendición de gastos.

Por outra parte, a comisión directiva comezou a traballar en distintos aspectos vinculados cos actos conmemorativos do 85º aniversario de adquisición do predio do Centro Gallego, de 40,008 metros de fronte, 53,64 metros de fondo no costado este e 52,12 metros de fondo do costado oeste, situado ao norte da cidade, no entón chamado quilómetro dous do Callejón Freyre, no barrio homónimo (actualmente Avda. Galicia), o 20 de novembro de 1929, na suma de $ 5.711. Eses terreos rodeados de cavas, situadas ao sur de Villa de Guadalupe, ao norte de Sargento Cabral e ao leste de Villa María Selva, pertencían en sucesión ao estadista Rodolfo Freyre, gobernador de Santa Fe entre 1902 e 1906.

Así mesmo, conmemorarase en 2014 os 95 anos de existencia do Centro Gallego de Santa Fe, unha das entidades máis tradicionais da capital provincial.

Debe apuntarse que o 5 de outubro de 1919, no domicilio de Chacabuco 299, no barrio Candioti desta cidade, un grupo de españois, entre eles, José e Gerardo Pérez, Antonio Vázquez, Secundino García, Basilio, Julio e Pedro López, Pedro Cando, José e Francisco Maurelo, Antonio Saco, José Darriba, Manuel González e Javier Balcarce, decidiron fundar unha entidade que agrupase ás e os naturais da antiga rexión do noroeste de España, unha das provincias desa península formada pola Coruña, Lugo, Ourense e Pontevedra.

Á devandita institución fundada por homes e mulleres naturais desa xurisdición da Nai Patria chamoulla Centro Gallego de Santa Fe, que dende ese momento reúne no seu seo "a todos os naturais desa rexión hispana que van chegando a esta terra de amor e paz". A primeira comisión directiva foi encabezada por Gerardo Pérez; o secretario era José Darriba e o tesoureiro, Antonio Saco.

 

Fonte: El Litoral.com

816 lecturas