Miranda visita as comunidades galegas e asiste ás reunións preparatorias para a execución dos programas sociais da Xunta en varios enclaves de Cuba
O secretario xeral da Emigración mantivo asemade na Habana unha xuntanza de traballo cos presidentes das entidades galegas
A Federación que as engloba fíxolle partícipe dalgunhas das actividades previstas para conmemorar o 110 aniversario da estrea do himno galego
En Cuba residen 39.000 galegas e galegos, dos que o 98% naceron xa na diáspora
- Miranda visita as comunidades galegas e asiste ás reunións preparatorias para a execución dos programas sociais da Xunta en varios enclaves de Cuba
- Miranda visita as comunidades galegas e asiste ás reunións preparatorias para a execución dos programas sociais da Xunta en varios enclaves de Cuba
- Miranda visita as comunidades galegas e asiste ás reunións preparatorias para a execución dos programas sociais da Xunta en varios enclaves de Cuba
Dous meses despois da celebración do XI Consello de Comunidades Galegas no histórico Palacio do Centro Galego da Habana, o secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, volveu á illa para pulsar a actualidade e realidade das comunidades galegas radicadas na illa.
Precisamente, este foi o primeiro aspecto que quixo destacar o secretario xeral no seu contacto cos galegos de Cuba: “Ese fito, o histórico encontro de toda a diáspora na capital cubana, foi posible grazas ao esforzo de tódolos e tódalas galegas presentes en Cuba, das socias e socios, das asociacións e comunidades, e da Federación de Sociedades Galegas de Cuba, mercé a cuxo concurso ese emblemático encontro acadou ese exemplar desenvolvemento. Agradezo persoalmente a implicación de todos eles e elas nese éxito indiscutible”, afirmou Miranda nada máis aterrar en Cuba.
Así, Miranda fixo un percorrido por varias localidades cubanas con presenza de galegas e galegos, visitando por vez primeira Matanzas, onde existe unha activa colectividade de paisanos. Tamén tivo oportunidade de saudar ao embaixador de España na illa, Juan Francisco Montalbán, a quen agradeceu igualmente que se involucrase da maneira que o fixo no devandito XI Consello.
“É un magnífico coñecedor de toda a comunidade galega e española en xeral, e das súas condicións reais de vida, polo que a súa perspectiva é sempre interesante e enriquecedora para orientar de maneira certeira as políticas sociais que desenvolvemos”, asegurou o máximo mandatario autonómico en materia de Emigración.
Axudas individuais
Rodríguez Miranda asistiu asemade ás reunións preparatorias para a execución de programas sociais desenvolvidos polo seu departamento en Cuba, e nomeadamente para o reparto, en toda a illa, das axudas individuais que concede a Secretaría Xeral da Emigración, que ten lugar tódolos anos nestas datas.
Cómpre lembrar que estas axudas supoñen un balón de osíxeno de primeira categoría para moitas economías familiares en Cuba, o que garante que as e os maiores galegos na illa, e a súa contorna familiar inmediata, dispoñan de mellores condicións de vida. Máis de 7.000 familias galegas do Exterior -das que a maioría residen precisamente en Cuba-, en situación de precariedade ou risco de exclusión social, benefícianse destas axudas cada ano.
Precisamente o investimento nestas axudas de carácter individual é a partida orzamentaria máis destacada nas contas da Secretaría Xeral da Emigración, cunha dotación de dous millóns de euros, case a terceira parte do orzamento efectivo (presuposto total menos partida destinada a persoal).
110 anos do Himno
Miranda reuniuse ademais na Habana cos presidentes de entidades galegas con sede na capital, aos que trasladou o seu agradecemento por ter mantido viva a chama da Galeguidade na illa “en todo tipo de contextos e situacións, e ademais transmitirlla ás segundas xeracións, aos vosos fillos e netos”, dixo o secretario xeral.
Pola súa banda, os mandatarios das entidades galegas en Cuba trasladáronlle algúns dos proxectos que estudan para conmemorar a estrea, hai 110 anos, do himno galego precisamente na Habana. E o presidente da Federación, Sergio Toledo, expresou o desexo de toda a colectividade de que tal conmemoración contase coa máxima representación posible por parte do Goberno galego.
Galegos en Cuba
Segundo os datos máis recentes do INE, arestora residen en Cuba 39.071 galegas e galegos, dos que 38.607 naceron xa na diáspora. É dicir: o 98’81 por cento son xa nados no propio país, constituíndo a semente dunha nova xeración da Galeguidade aínda máis inmersa na sociedade de acollida, “pero que segue a sentirse fondamente vinculada coa Galicia territorial, tal e como demostra a súa activa participación en cantos programas desenvolve a Xunta”, tal e como salienta Rodríguez Miranda.
Novas relacionadas