Miranda traslada os parabéns do Goberno galego ao arxentino na celebración do 209 aniversario da Revolución de Mayo durante un acto organizado polo Consulado en Vigo

O secretario xeral da Emigración participou, acompañado polo delegado territorial da Xunta na cidade olívica, Ignacio López-Chaves, no evento que tivo lugar na sede do Colexio de Arquitectos.

O organismo institucional concedeu ao físico teórico bonaerense José Edelstein, profesor na USC, a distinción anual que concede o Ministerio de Relaciones Exteriores y Culto da República Argentina.

  • O secretario xeral da Emigración, durante a súa intervención no acto celebrado esta mañá en Vigo
    O secretario xeral da Emigración, durante a súa intervención no acto celebrado esta mañá en Vigo
  • Imaxe do acto celebrado esta mañá na cidade olívica co gallo do 209º aniversario da Revolución de Mayo
    Imaxe do acto celebrado esta mañá na cidade olívica co gallo do 209º aniversario da Revolución de Mayo
Listen to this page using ReadSpeaker
Vigo (Pontevedra), 23 de maio de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, trasladou os parabéns do Goberno galego ao da Arxentina pola celebración do 209º aniversario da Revolución de Mayo, que tivo lugar en 1810. O responsable do departamento autonómico transmitiu as congratulacións de todas e todos os galegos ao pobo arxentino durante o acto organizado polo Consulado Xeral da República Arxentina celebrado na sede do Colexio de Arquitectos de Vigo.

Miranda, acompañado polo delegado territorial da Xunta na cidade olívica, Ignacio López-Chaves, e a cónsul xeral da Arxentina, Silvina Montenegro, destacou os “lazos, máis ca fortes irrompibles, que unen Galicia coa Arxentina, terra que tanto acubillo nos deu aos galegos ao longo da historia, e que tanto talento nos devolveu”. O secretario xeral da Emigración puxo como exemplo “a obra que intelectuales e artistas como Castelao e Colmeiro, por poñer só dous de milleiros de exemplos, desenvolveron desde a outra beira do Atlántico”, así como “o legado que outros tantos arxentinos produciron desde o noso país e deixaron para a posteridade”.

Unha iniciativa para novas promesas
O responsable do departamento autonómico quixo felicitar persoalmente ao físico teórico natural de Bos Aires José Edelstein, profesor na Universidade de Santiago de Compostela polo recoñecemento que lle outorgou o Ministerio de Relaciones Exteriores y Culto da República Arxentina como cidadán do ano no exterior. Este galardón premia a iniciativa que creou a mediados de 2003 xunto ao seu colega -actualmente en La Plata- Martín Schvellinger, a rede Strings@ar de física teórica (á que máis tarde se sumaron físicos de Bos Aires e La Plata), que segue funcionando, a través da cal se teñen organizado máis de 70 reunións nacionais, dúas conferencias e unha escola internacional, “permitindo que moitos mozos, nomeadamente de La Plata e Bos Aires, fagan os seus doutoramentos e teñan oportunidades para seguir a formarse no exterior”. 

156 lecturas