Miranda inicia unha nova viaxe a Venezuela para renovar a colaboración coas entidades galegas e trasladar o “compromiso permanente” da Xunta coa colectividade

O secretario xeral da Emigración reunirase hoxe coas e cos responsables e socios da Federación de Centros Españoles de Venezuela (FECEVE).

Ata o vindeiro domingo manterá encontros informativos sobre as axudas para o retorno da Xunta e os apoios á xuventude.

Foto de arquivo da visita institucional do secretario xeral da Emigración a Venezuela en xaneiro deste ano
Foto de arquivo da visita institucional do secretario xeral da Emigración a Venezuela en xaneiro deste ano
Listen to this page using ReadSpeaker
Caracas (Venezuela), 12 de decembro de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Mirada, inicia unha nova viaxe oficial a Venezuela na procura de renovar a colaboración coas entidades galegas na atención e o asesoramento aos galegos e galegas residentes no país, trasladando o compromiso permanente da Xunta coa colectividade nos momentos de incerteza que está a atravesar o país. 

“Empezamos e rematamos o ano viaxando a Venezuela, o que da idea da preocupante situación social que está a atravesar o país, o que nos obriga a prestar maior atención se cabe á nosa colectividade”, sinala. 

Neste sentido, o titular do departamento autonómico reunirase hoxe coas e cos responsables e socios da Federación de Centros Españoles de Venezuela (FECEVE) antes de manter, ata o vindeiro domingo, diversos encontros informativos sobre as axudas para o retorno da Xunta e os apoios á xuventude. 

A Secretaría Xeral da Emigración quere dar resposta ás necesidades das e dos galegos de Venezuela, que están a atravesar unha situación cada día máis complexa e grave. É, por iso, o país no que a Xunta de Galicia centrou os seus principais esforzos a través de investimentos tanto para residentes coma retornadas e retornados, que pasarán dos 2,2 millóns en 2018 a unha previsión de 3 millóns este ano.  

A segunda colectividade máis relevante do país 
Venezuela é o quinto país con maior número de cidadás e cidadáns galegos. Segundo os últimos datos do Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro do Instituto Nacional de Estatística a 1 de xaneiro de 2019, na república venezolana residen un total de 35.996 galegas e galegos. Trátase, trala canaria, da colectividade española máis relevante nun país que está a atravesar momentos de especial incerteza sobre o seu futuro. Só en 2017 regresaron a Galicia procedentes de Venezuela un total de 2.163 emigrantes galegas e galegos ou descendentes con nacionalidade española e inscritas e inscritos nalgún concello da comunidade.

608 lecturas