Miranda sitúa a Festa do Emigrante de Val do Dubra como “lugar de encontro e de recordo permanente” da Galicia exterior

O secretario xeral da Emigración acompaña ao alcalde José Manuel Varela na novidosa ofrenda foral ante a estatua do Emigrante, punto de inicio en 1984 dunha festividade que se vén celebrando desde entón.

Chama a todas e todos os galegos, “os de aquí e os de alí”, a facer de “embaixadores” do Xacobeo 21. 

  • O secretario xeral da Emigración e o alcalde de Val do Dubra, na Estatua do Emigrante trala ofrenda floral
    O secretario xeral da Emigración e o alcalde de Val do Dubra, na Estatua do Emigrante trala ofrenda floral
  • Imaxe do acto desta mañá en Val do Dubra
    Imaxe do acto desta mañá en Val do Dubra
Listen to this page using ReadSpeaker
Val do Dubra (A Coruña), 3 de agosto de 2019.

O secretario xeral da Emigración, Antonio Rodríguez Miranda, asistiu hoxe á xornada de clausura da Festa do Emigrante de Val do Dubra, que cumpre 35 edicións converténdose neste tempo nun dos principais referentes turísticos e culturais da comarca. Un marco no que o titular do departamento do Goberno autonómico situou a celebración como “lugar de encontro e de recordo permanente” da Galicia exterior. 

Miranda fixo estas declaracións durante a novidosa ofrenda floral ante a estatua do Emigrante, na que participou xunto ao alcalde da localidade José Manuel Varela. Unha escultura que, como recordou, inaugurouse en 1984, configurándose como o punto de inicio dunha festividade que se vén celebrando desde entón e que “simboliza unha boa parte do que Val do Dubra é”: “Terra de galegos de aquí e de alá, dos que afortunadamente seguen, si, pero tamén de todos aqueles que no seu día tiveron que marchar”. 

Neste contexto, o secretario xeral da Emigración animou, tanto aos galegos e galegas no exterior como aos e ás residentes na comunidade, a “non deixar pasar a gran oportunidade e o gran reto que temos por chegar, o próximo Xacobeo 21”, para o que chamou a todos a facer de “embaixadores”. “Cada un de nós é o mellor exemplo do que é Galicia e do que quere ser Galicia, con ese próximo Xacobeo como destino común para facer da nosa terra, unha vez máis, centro de todas as miradas”, concluíu.

151 lecturas